Autocaravanas en Ferrolterra

Neste verán intensificáronse os controis das autocaravanas en Ferrol por parte da policía municipal. Algúns autocaravanistas invaden as dunas, un comportamento incívico que se debe sancionar axeitadamente. Imos por partes.
A ac é un vehículo que como todos se define legalmente polas súas dimensións exteriores ou pola súa masa máxima autorizada, non polo aspecto, construción ou utilización. Unha ordenanza municipal pode prohibir estacionar nun lugar a vehículos de máis de 3.500 quilos, pero debe acatar o Regulamento Xeral de Circulación e non pode impedir nunca aparcar a unha furgoneta por ter frigorífico, un blibliobús por levar libros ou unha autocaravana por ser vivenda.
 A Instrución 08v-74 da DGT di que mentres un vehículo estea correctamente estacionado, sen exceder as marcas de delimitación, nin a limitación temporal se a houber, non é relevante o feito de que os seus ocupantes se atopen no interior, e a autocaravana non é unha excepción, abondando con que a actividade que poida desenvolverse no seu interior non transcenda ao exterior mediante o despregue de elementos que desborden o perímetro do vehículo, como utensilios, toldos, dispositivos de nivelación e outros.
A maioría das acs pesan menos de 3.500 quilos e han de cinguirse ao estipulado para ese tipo de vehículos. Quen aparque en lugares non permitidos debe ser sancionado. Igualmente quen desprega obxectos, tanto autocaravanistas como usuarios de turismos, que son moitos. Acampar é iso: despregar utensilios, pero as acs realmente non precisan acampar, aínda que poidan facelo. Para iso están os cámpings e outros lugares tolerados.
No aparcadoiro da praia de Valdoviño hai un sinal que pon “prohibido pernoctar caravanas e autocaravanas”, mais non é regulamentario, porque a pernocta non existe na normativa. En Santiago, ao carón dunha pésima área de pagamento de acs, hai un estacionamento no que se indica que alí só poden permanecer turismos; alguén quixo favorecer á concesionaria da área, mais o disco é legal.
Que aporta ao lugar de destino o turismo de autocaravana? O instituto Harris explorou o sector francés e informou de que o 70% dos viaxeiros ten máis de cincuenta anos e rendementos anuais superiores a 28.000 euros; o 75% son empresarios, empregados, profesores e cadros superiores; o 44% abastécese no comercio local e o 61% nas grandes superficies; 1/3 visita un restaurante dúas ou tres veces á semana. Ademais o autocaravanismo non esixe desembolso previo en construción, só un campo, dúas billas e dous sumidoiros para miles de visitantes. Son datos interesantes para establecer unha política de fomento intelixente.
Xosé Manuel Sarille (escritor e autocaravanista)   

 

Autocaravanas en Ferrolterra

Te puede interesar