MUNICIPIOS Y CONCELLOS

Parece ser que o Goberno ten pola súa cabeza a idea de reducir o número de concellos no Reino. Digo que é un rumor, unha idea ou similar porque salvo axudar á banca non se ve que se tome a decisión con determinación un venres destes que treme o país ao ver a Soraya no parte soa ou, máis terrible, cando aparece escoltada por De Guindos ou Montoro.

Estes días atrás divulgouse un relatorio que afirma algo para o cal non era necesario tanto estudo e que viña a dicir que os concellos pequenos, os de menos de 5.000 habitantes non eran viables economicamente nin terían a posibilidade de sobrevivir sen as transferencias. Ademais abundaba en que os seus ingresos vía taxas de lixo e similares non chegaban a o salario medio anual dun individuo, calculado en 22.551 euros. Aquí habería que puntualizarlle ao autor do estudo que para os seres galaicos eses doce pagamentos xa serían unha millonada.

O presidente da Deputación de Pontevedra,Rafael Louzán, proclamou que lle dixeron que se estuda que os representantes nos organismos provinciais sexan elixidos por sufraxio directo, libre e universal. O cal, traducido a idioma normal, quere dicir que de suprimir eses entes provinciais de difícil encaixe no tramado administrativo nada de nada.

Todo apunta a que máis que reducir concellos, vai haber un incremento de organismos locais. Louzán anunciou que se van duplicar ou incrementar de forma infinitesimal, porque estase pensando nunha nova división entre municipios e concellos: uns xestionarán recursos propios e outros non.

E todo é debido a que o Goberno non quere meter man ás famosas deputacións provinciais. Así que xa nos vemos nas próximas eleccións locais con tres papeletas: para alcalde municipal, para rexedor de concello e para deputado provincial. Máis que eliminar entes locais, duplicidades e reducir gastos todo apunta a que se van triplicar.

A maioría dos cidadáns descoñecen como se elixen aos elementos que van a os plenos das deputacións e salvo que algún teñamos a un veciño que vai por alí de vez en cando, non sabemos ni como se chaman nin a que se dedican, aínda que si saibamos dalgún que é asesor, secretario ou recadeiro doutro, porque se designan polas formacións entre os concelleiros segundo a distribución baseada nos partidos xudiciais, que tampouco sabemos moi ben o que son, pero temo que sexa algo excelente para os políticos, porque xa saíron voces na súa defensa, unha vez que o Poder Xudicial propuxo a súa redución de 45 a trece en Galicia.

O que si está claro é que é un posto tan desexado como o de ser enterrador en Baiona, porque os partidos, para ter contentos aos seus concelleiros reparten os escanos en períodos de dous anos, así que o salario durante ese tempo é un pastel que engorda a conta corrente.

 

MUNICIPIOS Y CONCELLOS

Te puede interesar