Das milagres

|

Milagres hainas. Accións de xustiza que reconfortan a un con todo o bo e positivo que existe, aínda que non sexamos quen de advertilas. Existen en diversos formatos e tamaños, e segundo alguén dixera, suceden cada día. Non falo de aparicións marianas, nin sucesos  asociados a fenómenos exotéricos. 

Falo simplemente da vida. Que un bispo emérito como o de Tánxer, Santiago Agrelo, manifeste que nin un só dos euros que Vox destina en presupostos para arranxar unha igrexa, quitándoos das partidas que ían destinadas a 3 ONG,s para axudar aos pobres será usado na igrexa, iso é unha auténtica milagre para aqueles que precisan dos recursos públicos para sobrevivir. Santiago Agrelo, un galego de Asados en Rianxo, fala coa sabedoría e a humildade da Orde Franciscana, e actúa con equidade e xustiza contra os que usan o de todos, para castigar aos de sempre. Hai tantas milagres coma persoas que aplican corazón e valores de cooperación e solidariedade, en axudar a resolver carencias, e sempre sen publicidade nin propaganda. Pero hai outras “milagres” que levan o selo da impunidade e da falsidade. Son aquelas que escandalizan e desaniman a unha sociedade que necesita accións exemplarizantes, e non outra cousa. Falo da prescrición de delitos dos Pujol. Un exemplo de delincuencia económica organizada, ocultación de diñeiro, cobro de comisións ilegais, impagos de impostos e un suma e sigue, que prescribiu. Foi algo milagroso? O que foi é un exemplo máis de que sempre as cousas incribles, inexplicables e que libra de males maiores, non lle suceden ao común dos mortais, senón aqueles que fan do seu poder unha cova de Alí Baba ou un refuxio de piratas.

Pertencerte, ser dalgunha forma gota de amencer ou bico breve –dixo El– na secuencia de asombros que vivimos... Acaso a máis fermosa deriva de habitar nun latexo, contigo...

Das milagres