Armas electorais

|

Coma cidadán de a pe penso que este ano que agora comeza preséntase certamente atractivo no que concirne á cousa pública, é dicir: á política. Os partidos quentan motores e xa podémonos ir preparando para dixerir a cantidade de programas e promesas que unha trala outra nos invadirán ata fin de ano que será cando teñan lugar as eleccións xerais. Pero denantes haberá eleccións municipais e autonómicas. Artur Mas convoca unhas anticipadas en Cataluña que, segundo  os promotores, levará ós cataláns camiño da independencia, e Susana Díaz en Andalucía para tratar de reafirmarse en sufraxio. Así as cousas no me negarán que o panorama se presenta ben entretido e  por que non dicilo, incerto tamén.  Levamos dende a chamada transición unha serie de eleccións lexislativas nas que dous partidos cualificados como hexemónicos se foron relevando para gobernar nun bipartidismo que xa intuían como fórmula de aquí en adiante.  Semellaba que o PP e o PSOE ían compartir responsabilidades de goberno deixando a outros partidos  como testemuña de pluralidade parlamentar. Pero éte aí que xorden certas correntes de indignación cidadán que culminan coa célebre acampada da Praza do Sol de Madrid e con simbólicas manifestacións como a de rodear o Congreso que son duramente reprimidas. Diante de tanta revolta, á maioría dos partidos do arco parlamentar non se lles ocorre outra cousa que dar ideas e propoñen ós indignados que se deixen de acampadas e de lerias por un estilo e se configuren como partido político para loitar polas súas reivindicacións dende o Parlamento, que é como se fan estas cousas. Miren por onde hoxe esa idea tomou corpo nese partido ó que todos miran con esa mestura de temor e incerteza que é Podemos ó que as recentes enquisas o sitúan como forza política importante capaz de poñer en cuestión ese bipartidismo  que algúns intuían inamovible. E agora, dos consellos paternalistas a rapaces díscolos, pasan ó ataque chamándolles  populistas, bolivarianos, bolcheviques... cualificativos dos máis “ligh”con que os partidos chamados hexemónicos, en conivencia con certos medios afíns ó conservadorismo que subscribe aquilo de “ mais vale malo coñecido que bo por coñecer”, dedican a esta formación  que irrompe con forza e con posibilidades de dar un envorco á política neste país.  Eu estou farto de escoitar constantemente iso de “mais vale malo coñecido que bo por coñecer”. Como é posible que prefiramos o malo? Quizais conviría trocar o traxe vello, que xa se descose por todas partes ( sobre todo os petos polos que se nos van os cartos),  por un novo que quizais nos sente mellor. Que podemos arriscar se trocamos de xastre: pois si, pero quen non arrisca non gaña e os xastres que temos xa sabemos como cosen e para quen cosen.  O atraco que supuxo a crises para a xente do común non ten parangón, e namentres o crecemento económico que xa empezan a pregoar os deseñadores do guión mergullados en plena campaña non chegue á xente, a credibilidade haberá que poñela en corentena. Por iso as armas electorais dos que prometeron e non cumpriron ( iso si que é populismo) centraranse na recuperación económica, na creación de emprego, xa o verán, e en datos de macro economía que serven para engaiolar, que de iso é do que se trata. Con todo, este ano vai a ser apaixónante, sobre todo por ver si é verdade que periga o bipartidismo que se cría hexemónico e poden entrar a decidir outras formacións con outras ideas. Tempo haberá para opinar de todo isto.

 

Armas electorais