Coincidimos na Escola Naval naqueles duros tempos nos que soamente a xuventude podía con todo. Anos máis tarde, por orden ministerial, pasamos os dous a traballar na antiga Bazán e xuntos viaxamos aos EEUU co gallo de facer uns cursos relacionados coa construción dunhas novas fragatas. Por riba e por mor da nosa afección común á pesca, tamén xuntos, percorremos durante moitas tempadas a maioría dos ríos e regatos da bisbarra ferrolá: O Mera, o río das Mestas, o das Forcadas, o Belelle, o Xuvia, o Eume e o Mandeo saben das nosas andanzas polas súas beiras. Este feito de compartir tempo de traballo e tempo de lecer forxou entre nos unha fonda amizade que sempre mantivemos viva, aínda cando novos destinos separaron os nosos camiños.
Sabía da súa doenza dende hai meses, cando a mala nova correu como a pólvora entre os seus numerosos amigos e compañeiros, ¡Pepe Suevos ten cáncer! Sei que estivo hospitalizado, que foi radiado e mesmo que tivo que sufrir esa tremenda tortura que é a quimioterapia.
Ao principio custoulle traballo aturar a enfermidade, logo resignouse e con gran esforzo acudía a unha xuntanza cos seus compañeiros de promoción tódolos xoves. Semellaba que o mal habíase detido.
Sen embargo o día 23 deste infausto mes de xaneiro déronme a noticia, por telefono, ¡como unha bomba!, do seu pasamento. Agravouse de xeito repentino o 22 e ingresárono de urxencia no Hospital Xeral de Ferrol onde morreu ás poucas horas. Consciente en todo momento, seica cunha gran serenidade despediuse de tódolos seus achegados.
Ata o derradeiro alento conservou seu amor polos ríos de tal xeito que pouco antes de finar afirmouse na súa vontade de que o incineraran e ceibaran ás súas cinzas ao seu río de Porto do Cabo onde, durante moitos anos, pasou moitas e moi felices horas dedicado á súa afección favorita.
Adeus Pepe, meu amigo, serio, intelixente e gran persoa, un home de ben. Foi unha honra, un pracer e un galano, contar coa túa amizade durante tantos anos.