Igrexa e cristianismo non son o mesmo

A Igrexa Católica, ademais de unha relixión, é tamén unha cultura que no medievo tivo un enorme peso e influencia social e política en toda Europa. Pero coa chegada da modernidade, da ilustración e do libre pensamento, a Igrexa entrou nun proceso de decadencia que, de non buscarlle remedio, pódea levar, despois de vinte séculos, a desaparecer tal como é actualmente. Ata gora, o Vaticano e as súas as xerarquías, con todo o episcopado, agarrándose ao dito común de “Deus proverá”, non parece que estean demasiado preocupados. E se están, disimúlano bastante. Do contrario, os poucos cregos que aínda quedan, xunto cos bispos e os fieis que os acompañan, terían que estar preocupados buscando poñerlle remedio a esta situación sen agardar máis. Pero, salvo poucas excepcións, só o papa Francisco, co seu entusiasmo, está a dar verdadeiras sinais de vivir entregado á esta causa. As palabras de Francisco chegan á xente e resultan eficaces, máis faltan canles na sociedade para que non se extravíen sen alcanzar ao seu destino. Así é como a xente ten, con frecuencia, a sensación de que o papa atópase só. Un pouco como lle pasaba a Xoán Bautista cando predicaba no deserto. Diciamos nun escrito anterior que a Igrexa e o cristianismo non son a mesma cousa. Foi a ruptura de Lutero coa Igrexa de Roma, no s. XVI. cando os herdeiros de Xesús se dividiron nestas dúas ramas que son os católicos e os protestantes, as amais significativas do cristianismo na actualidade en Europa e América. Houbo intentos de reencontro, principalmente a partir do Concilio Vaticano II, pero os avances non foron notables. Esperemos que escoiten agora cando está a soar para todas a hora da humildade, provocada pola decadencia na que entraron as relixións en xeral. Os seguidores do Nazareno teñen preto de vinte séculos de historia e o mundo está aínda moito moi lonxe de ter comprendida a mensaxe cristiá. Imponse outro paradigma, como se soe dicir actualmente, outro xeito de entender as relixións, porque xa non as poderemos manter como o viñamos facendo ata aquí. O mundo actual está cambiando moi a presa. Así que, España, que tamén nisto anda atrasada, debe poñerse ao día, deixando atrás o seu título de “reserva católica de occidente”, para camiñar a paso lixeiro soltando o lastre histórico ao que vive aínda apegada .
 

Igrexa e cristianismo non son o mesmo

Te puede interesar