Valores e valores

De neno e, sobre todo, na adolescencia practiquei bastante deporte, tanto en especialidades individuais como colectivas. Gustaba tanto de adestrar como de competir, por iso nunca acabei de entender moi ben por que deixei a práctica regular e constante cando marchei a estudar á Universidade. Substituína por outras actividades, sen dúbida,  menos saudables, como o daquela chamado levantamento de taza, que non cunca. Desas estupideces que todos cometemos en ocasións, principalmente cando novos. Non obstante, tamén nesa altura, sempre fun consciente, como o sigo sendo hoxe coa perspectiva que dan os moitos anos transcorridos, dos beneficios da práctica deportiva. E non só polo que pode afectar á saúde, senón polo que pode axudar a vivir mellor e máis a gusto. Facendo deporte podemos prepararnos para a vida, ademais de fisicamente. Se miro para atrás, non dubidaría en afirmar que practicando deportes aprendín a entender e a valorar cousas como a amizade, a solidariedade, a fraternidade, a igualdade, a convivencia, a responsabilidade, a alegría, a tristeza, a derrota, o triunfo -penso que saber gañar é máis difícil que saber perder-, o respecto, o esforzo, a axuda, a cooperación, o compromiso, a constancia, o sacrificio, a honestidade, o xogo limpo..., todas elas moi importantes. Que podería telas aprendido e practicado noutros ámbitos da vida? Posiblemente, mais eu, ademais de na casa, aprendín a poñelas en práctica aí, no mundo do deporte. Se cadra é por isto que estea moi sorprendido con abondas declaracións de deportistas de elite sobre a participación nos inmediatos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro. Practicamente ningún dos e das deportistas consultadas declarou plantexarse deixar de asistir ós Xogos por mor do virus zika. Creo que decidir alegremente participar é, se non unha temeridade, cando menos unha irresponsabilidade. Tanto para consigo mesmos -que cadaquén pode facer co seu corpo o que lle pareza máis oportuno- como para a xente que os rodea habitualmente, no día a día. E aí... Entre nós, se non estou errado, foi Pau Gasol quen manifestou que estaba valorando moi seriamente non acudir ós Xogos a causa do virus. Indicou que andaba a recompilar a máxima información para facer un chamamento a un debate público e á esixencia de información. A súa postura paréceme un tremendo exercicio de responsabilidade e de sensatez. Fai fincapé en que a decisión de estar presente en Río hai que meditala moito. O baloncestista  catalán entende que feito de que exista certa desinformación e de que haxa diverxencia de opinións obriga a reflexionar. O Ministerio de Sanidade xa lle respondeu que se trata dunha decisión persoal. Que vai dicir? Porque, por outro lado, vexo que o ministerio recomenda poñer determinadas vacinas, e isto dáme que pensar. E dígoo porque hai uns cantos anos  fun impartir un curso de seis semanas a unha Universidade do nordeste brasileiro e lembro que en ningún organismo, nin de aquí nin de aló, se me comentou nada acerca de vacinarme de calquera cousa. Fun e volvín sen o menor problema. Houbera irresponsabilidade pola miña parte non protexéndome debidamente ou é que daquela a hoxe a situación sanitaria mudou? Non lles sei, mais agora, como dixen, recomendan vacinarse dunhas cantas cousas. Os organismos sanitarios non queren sementar alarma de ningún tipo, mais é evidente que tampouco as teñen todas consigo. O virus zika detectouse por primeira vez en Latinoamérica en 2015, hai xusto un ano, o que parece que non é moito tempo para poder facer valoracións de risco con precisión. Mais, está fóra de toda dúbida, é moito o diñeiro que está en xogo e nunha sociedade tan mercantilizada e deshumanizada como a que nos toca vivir os intereses económicos van primar por riba de todo. Non se suspenderán os Xogos e xa se verá o que pasa, pensa o capital. Moito predicar os valores do deporte, mais coas pelas polo medio...
 

Valores e valores

Te puede interesar