Hai algúns días lin neste xornal que o tren ao noso porto exterior non tiña valor “engadido” para a UE e, polo tanto, non ía recibir asignación económica ningunha. Vaia lío, pensei eu; agora vai saír todo o mundo protestando por esta resolución dos “mandamáis” de Bruxelas, porque o ferrocarril é un elemento necesario para o bo funcionamento do sistema portuario. Pois non. Despois de varios días de “clamoroso” silencio púxenme a matinar no asunto e cheguei á conclusión de que é verdade que o tren a Caneliñas non ten valor para a UE, como tampouco ten importancia para eles que a nosa comarca teña un “récord” de parados. Quizabes eu estou trabucado pensando que ese tren pode traer traballo e movemento económico para a cidade, cando en realidade non fai falta ningunha e por iso ninguén protesta. Xa non sei que pensar e nin sequera sei se paga a pena pensar. É que hoxe teño un mal día, pero por suposto, iso á UE tampouco lle vai a importar moito. Verdade?