A ERA ROUCO ACABA

|

Ao cardeal Rouco acabóuselle o tempo de gobernar a Igrexa ao seu xeito: “Roma locuta, causa finita”. Rouco viña mandando na Igrexa española dende hai bastantes anos, e nunca aceptou intromisión algunha máis que a daqueles que el elixía como colaboradores subordinados e obedientes. Así as cousas, e despois de ter presentada finalmente a renuncia por imperativo da súa  idade, esperaba que esta non lle fora aceptada tan pronto polo Papa, dándolle tempo a el a buscar e propoñer o candidato a sucedelo. Alguén da súa liña que lle permitise continuar mantendo certa influencia. Pero o seu proxecto torcéuselle coa chegada de Francisco. A liña pastoral de este Papa e a de Rouco son contrapostas. Agora, sabedor de  que o tempo se acabou, porque Osoro debe tomar posesión en Madrid, busca a maneira de irse e quedarse. El pretende quedarse na residencia que viña ocupando no pazo do arcebispado, e ademais esixe continuar dispoñendo de coche, chofer e servidoras domésticas. O que Rouco deixa para o seu sucesor, e tamén para todos nos, é unha Igrexa competidora en poder co Estado. Unha Igrexa que impoña o seu credo á sociedade. Igrexa marcada por un proxecto que se aparta totalmente da sinxeleza e da apertura que trouxera Xoan XXIII e o Concilio Vaticano II. Antonio Mª Rouco describiu coa súa historia persoal unha singular traxectoria eclesiástica que comeza sendo o Tucho xove, cando entra no Seminario de Mondoñedo a mediados da década dos anos corenta do século pasado, e non se detivo nas súas aspiracións  ata ser recoñecido como o bice-papa en España. Rouco, que carece de carisma persoal, pretendeu substituír esta carencia agarrándose ao poder; receita que vale pouco na sociedade civil e na Igrexa é a contradición in si mesma
Persoalmente nada teño contra Rouco. Coñecémonos de pasada no seminario e as nosas vidas transcurriron por camiños opostos. Pero como simple cristián estou bastante en contra de esa clase de xerarquía eclesiástica que ostentou os arcebispados de Santiago, de Madrid e a mesma presidencia da C. Episcopal española. A miña idea de igrexa é a de millóns de cristiás e cristiáns anónimos de base que está nas antípodas de ese poder relixioso que representa Rouco e moitos xerarcas máis. Para quen a Igrexa é semellante a un poderoso partido relixioso fanatizado. Nada de fraternidade, de sinxeleza. O deles é “La Iglesia al poder”.

A ERA ROUCO ACABA