Ferrol, de xaneiro a xuño. Festas, fastos e nefastos

As festas e os fastos forman parte do acervo cultural dos pobos, amosando a evolución dos seus usos e costumes. Mentres no agro as festas seguen o calendario estacional, adaptándose aos traballos do campo e ás colleitas, a Igrexa acomodou as celebracións dos seus santos e santiños ás festas pagás e ás crenzas populares.  
Por outra banda, as cidades e vilas, cunhas tradicións de menor raizame que as aldeas, escollen o verán para celebrar as súas festas, non sempre coincidindo coa data do patrón. O ciclo festivo de Ferrol amosa ao longo do ano unha serie de fastos que mesturan celebracións relixiosas con festas populares, unhas inventadas e outras de fonda tradición e pegada propia.  
 Ferrol ten como patrón a San Xulián, un santo de variada haxiografía e de culto vedraño en Galicia, celebrándose o día sete de Xaneiro desde que o bispo mindoniense Cuadrillero impuxo a San Xulián, o de Antioquía como patrón de Ferrol, co apoio dun bando da Alcaldía do ano 1786, na contra da tradición popular. 
Co paso dos anos a festa perdeu a súa relevancia, reducida aos insulsos fastos protocolarios do Concello, incluído o invento do arroz con leite, nun día que os veciños aproveitan para acudir ás rebaixas de Ferrol e Marineda. 
 Na orixe da festa do Entroido latexa un dobre senso, unha orixe pagá celebrando o fin do inverno e outro cristiá anunciando a Coresma. Mentres estes festexos teñen unha forte raizame no rural, os carnavais urbanos teñen unha tradición máis moderna. No caso de Ferrol consta a súa celebración no século XVIII, regulados en bandos municipais desde o ano 1784, asistindo hoxe ao seu esmorecemento. Tan só o Enterro da Sardiña, simbolismo cristián do xaxún da Coresma, mantén unha concorrida celebración no barrio de Ultramar.
 San Xosé festexa un dos nomes cristiáns máis comúns en Galicia, prostituído hoxe pola connotación comercial do Día do Pai. 
En Ferrol ten especial relevo a animada Noite das Pepitas, de fonda tradición musical. San Xosé Artesán naceu a fins do século XIX, coas rondallas dos traballadores de Esteiro, combinando as cancións tradicionais de Ferrol coas habaneiras e a música de alén o mar, converténdose nunha das festas máis arraigadas na cidade. 
 A actual celebración da Semana Santa constitúe a manifestación dunha relixiosidade popular que levou á rúa, na forma de procesións itinerantes, as antergas representacións medievais da Paixón de Cristo celebradas na propia igrexa. Para algúns a Semana Santa ferrolá documéntase desde o ano 1616, coa presenza das confrarías que celebraban a Cerimonia do Desencravo o Venres Santo na Praza Vella.
 As procesións ferrolás foron moduladas no tempo con influxos de lugares como Cádiz, Castela e Cartagena. Resultou así unha Semana Santa sobria e disciplinada, dunha ricaz imaxinería e ornato floral, que combina de xeito ecléctico cultura, turismo e devoción popular, aínda que precisa máis sordina e menos tamborrada nas bandas e bandurrias acompañantes. 
 Xa perdida nas brétemas do tempo a romaría de San Roque e desaparecidas as festas de troula dos soutos de San Pedro e San Xoán, no luns de Pascua celébrase a romaría de Chamorro, resultado da cristianización de vellos cultos arredor da capela da Virxe do Nordés. 
Desde a mañanciña ata o solpor, os romeiros repártense o escaso espazo arredor dun santuario de propiedade privada para mercar os exvotos e candeas, e degustar as rosquillas. Ademais seguen a celebrarse na comarca con desigual concorrencia as romarías do Voto de Chanteiro en Ares, Santa Margarita do Val e de San Antonio da Cabana.
 Por último, as cerimonias e ritos dos Maios son residuos de vellos cultos de orixe agrícola que celebran a chegada da primavera e o renacer da natureza, convertendo a propia Igrexa, co seu habitual sincretismo, estes fastos na festividade da Santa Cruz. En Ferrol, a aldea de Canido tivo de sempre unha dedicación agrícola, polo que segue a manter uns ritos e costumes propios do rural. Aínda hoxe celébranse estas festas, adobiando o secular cruceiro da praciña de Canido con plantas e flores, e erguendo rechamantes altares vexetais nas rúas do barrio. 
 

Ferrol, de xaneiro a xuño. Festas, fastos e nefastos

Te puede interesar