Van aló 50 anos

Soldadito de Bolivia, / soldadito Boliviano, / armado vas de tu rifle, / que es un rifle americano, / soldadito de Bolivia, / que es un rifle americano. // Te lo dio el señor Barrientos, / soldadito Boliviano, / regalo de Mr. Johnson, / para matar a tu hermano...”. Estes coñecidos versos do excelso poeta cubano Nicolás Guillén conforman as tres primeiras estrofas do seu poema “Guitarra en Duelo Mayor”. Trátase dunha elexía en dez estrofas de  versos octosílabos, que ven sendo a segunda das tres que dedicou á morte de Ernesto Guevara, o Che. A primeira, “Che Comandante”, comezou a compoñela case no momento en que tivo constancia do asasinato do guerrilleiro arxentino-cubano e leuna no magno acto fúnebre que se celebrou na Plaza de la Revolución da Habana o 18 de outubro do ano 1967, poucos días despois da morte do Che. Non era o primeiro poema que dedicaba ao comandante revolucionario, xa que en xaneiro de 1959 vira a luz o soneto “Che Guevara”,  no semanario bonaerense Propósitos, inmediatamente despois da entrada dos revolucionarios na Habana e cando aínda o poeta estaba exiliado na capital Arxentina. O poema é un pouco posterior ao que leu na Plaza de la Revolución, xa que o rematou no mes de novembro dese propio ano de 1967. Pouco despois puido ser lido nas páxinas do número de xaneiro-febreiro de 1968 da revista Casa de las Américas, número dedicado ao Che, acompañado da partitura do importante músico cubano Harold Gramatges. Paco Ibáñez fíxolle unha nova música, suprimiulle un par de estrofas, titulouno “Soldadito Boliviano” e interpretouno por vez primeira no recital que deu na sala Olympia de Paris o 2 de decembro de 1969. Nicolás Guillén morreu na Habana o 16 de xullo de 1989, escasas semanas antes de que aterrase eu en Montevideo para impartir un curso de catro meses na Universidade da República. Entre o alumnado estaba Alejandra , rapaza atractiva e simpática que cantaba e tocaba ben a guitarra, alén de ser afillada de Eduardo Galeano. Cumpro anos o 7 de outubro, dous días antes do asasinato do Che na escola de La Higuera, a mans do exército boliviano, e con ese motivo un grupo de amigos e amigas me ofreceron unha pequena festa. Nela, Alejandra tivo a deferencia de nos cantar, acompañada da guitarra, a célebre “Yolanda” de Pablo Milanés e mais o “Soldadito Boliviano”, a min dedicadas, detalle, que, como se ve, nunca esquecín.

Van aló 50 anos

Te puede interesar