AGRADECEMENTO E RECTIFICACIÓN

|

Moito agradezo os amables comentarios recibidos co gallo do meu apunte do pasado sábado 30, feitos por xente da miña maior consideración, moito obrigado. Sen embargo semella que o artigo é moi curto e soubo a pouco. Tamén a min me quedou esa impresión pois é certo que habería, hai moito máis que falar de Baudilio Sanmartin García un home bo, como xa se dixo, que salvou a moita xente dunha morte certa dende os seus cargos na República, organizando a evacuación tanto de Málaga como de Menorca antes de exiliarse el mesmo en Francia onde viviu varios anos sen regresar nunca ao seu país. Os que queiran profundar máis na súa vida, que recorran as hemerotecas, a varios libros que falan daqueles tristes feitos e mesmo a Internet. Agora temos asemade un novo libro que destacará sen dúbida a súa gran labor e a súa afouteza nuns tempos apocalípticos. Por riba tampouco son eu a persoa máis axeitada para facer a apoloxía deste home, porque non o necesita e porque nos meus apuntes non hai espazo para elo. So son breves pinceladas para poñer de manifesto a existencia de homes que, pertencendo ao bando dos vencidos tiveron un comportamento exemplar no medio daquela gran desfeita. Como xa dixen, vai sendo hora de recoñecelo e sacalos da escuridade onde os tiveron os vencedores durante tantos anos. Do fillo xa vos falei tamén, anécdota incluída. Vouvos contar agora estoutra vivida en San Diego (California) hai moitos anos. Como remate dun curso que fixemos na base naval da US Navy, celebramos alumnos e profesores, unha cea nun dos restaurantes máis elegantes da cidade. Á hora de escoller o viño sorprendeunos Baudilio elixindo un Chablis Grand Cru, de non sei que ano. Tróuxoo o camareiro moi solicito e logo de darllo a catar, felicitouno pola elección dicindo que a dese ano foi unha das mellores colleitas. Xa ido o camareiro, ao ser preguntado por nos, contestounos que el de experto nada ao mesmo tempo que sacaba unha pequena axenda do peto onde figuraban as mellores anadas do viño solicitado. Era o seu xeito de ser, como no traballo, oportuno, meticuloso e documentado, e sempre con un gran sentido do humor. Para rematar unha rectificación, necesaria e urxente, o apelido correcto é Sanmartín e non San Martín como erroneamente figuraba no meu apunte.    

AGRADECEMENTO E RECTIFICACIÓN