Sacar o santo

|

Xa estamos en setembro e segue o bo tempo. A pesares das predicións, foi este un dos mellores veráns que se recordan e non se poden queixar os veraneantes do tempo que tivemos en Galicia nos meses de xullo e agosto. Agora, xa case no outono, continúan as altas temperaturas co nordés, ese vento tolo que segundo os mariñeiros seca o mar e seca a terra, soprando con forza, sobre todo no meu ventoso barrio de Caranza.
Tal como están as cousas, se non chove axiña, imos ter que sacar o santo como se facía antano en tempos da “pertinaz sequía”. En moitos pobos do país facíanse rogativas e sacábase o santo en procesión presidida polo crego da parroquia. Non sei se o santo era o patrón oficial do pobo ou si era algún outro máis milagreiro contra a seca, en calquera caso era xogar a cabalo gañador porque chover, máis tarde ou máis cedo, sempre acababa chovendo. Agora xa non se estilan estas cousas porque a xente é máis descrida pero eu aínda me lembro de ver sacar o santo na miña real vila de Guitiriz nos anos cincuenta do século pasado.
Mágoa que non teñamos nestes tempos que estamos a vivir un santo milagroso contra tódolos males que nos afogan para sacalo tódolos días en procesión ata acabar con esta maldita crise que xa está durando demasiado tempo.
Contra a corrupción e os corruptos que tanto abondan no país, que son os verdadeiros culpables da situación en que nos atopamos.
Contra o desemprego, esa traxedia á que non se lle ve fin.
Contra os políticos inoperantes e chupópteros. Está demostrado que sobran máis da metade dos que temos no noso país.
Contra o desamor, a traizón e a xenreira. (Morgan dixit).
Contra o maltrato de xénero, a mulleres e a homes asoballados, que tamén os hai.
Contra as fichaxes escandalosas e esperpénticas do fútbol que semellan unha burla a tanta xente que tan mal o está pasando.
Contra trepas, mentireiros, aduladores, prepotentes, lacazáns, falsos..., etc.
Cando estou a rematar este apunte empezan a caer algunhas pingas do ceo, ¡seica sacaron o santo en algures!

Sacar o santo