O novo Goberno pasou das declaracións xenéricas a realizar algunhas concrecións, por exemplo, no relativo a derrogación das sucesivas reformas laborais do PP. Lembremos que hai medio ano o PSOE, Podemos e PNV estaban dacordo neste aspecto, apoiando no Parlamento un texto para “eliminar o exceso de temporalidade e alta rotación derivada do abuso dos contratos eventuais de moi curta duración, así como o traballo a tempo parcial non desexado, reforzando a negociación colectiva”. E así o confirmou a ministra do ramo, Magdalena Valerio, ao asumir o cargo. Mais, días despois comezou a matizar a proposta. Agora todo indica que só se farán retoques menores ás reformas. Daquela que para axustar o discurso, gañe tempo abrindo negociacións sobre o tema coa patronal e CCOO e UGT.
Todo fai pensar que o pacto patronal-sindicatos estatais cun aumento do 2% ao 3% nos salarios, xunto con algún cambio menor a iniciativa do Goberno (tamén no relativo á negociación colectiva?) para ofrecer algunha medida positiva. Mentres se frean cambios que permitan recuperar os salarios, eliminar a precariedade, e rematar cos falsos autónomos e traballo en negro.
A escusa que se dá agora é a mesma que usaba Rajoy respecto das bondades das reformas que impuxo; ou sexa: os baixos salarios aumentaron a competencia das empresas e impulsaron a creación de emprego. Polo que, manter a cerna da reforma seica “é realista e beneficia á clase traballadora”. Mais, a baixada salarial favoreceu esencialmente o aumento dos lucros empresariais e o crecemento das grandes fortunas, dando lugar á caída das rendas do traballo no PIB. Así o amosan as estatísticas, malia que os salarios máis altos (de executivos e cargos de dirección) medraron fortemente, reducindo a caída aritmética dos salarios medios e no PIB. Asemade, o medre da competitividade obedeceu esencialmente a factores externos (prezo do petróleo, relación euro-dólar, inestabilidade nos países que compiten no turismo, flexibilidade cuantitativa do BCE...). Esta decisión do Goberno no tema laboral ten ademais efectos sobre as pensións. Daquela que propoña unha partida especial dos orzamentos para cubrir o déficit. Agora ben, se aumentasen os salarios todos os gastos en pensións sairían dos petos do capital. Coa proposta que se fai sairán no fundamental dos salarios e dos impostos directos, que son os que soportan a maior carga impositiva, máxime co grao de fraude e enxeñaría fiscal existente. Ou ¿acaso impulsaran un imposto específico sobre o capital?