Que é do Premio de Piano?

outro día paseaba por unha praza de Armas capturada baixo a vixilancia duns valos metálicos e disposta a ser outra cousa cando din cun amigo que me confesou estar moi preocupado porque, segundo parece, periga o Premio de Piano Cidade de Ferrol, que leva o nome de Gregorio Baudot un músico nado en Colmenar Viejo pero ferrolán de adopción. Un Premio internacional que , corríxanme se estou errado, xa debera andar pola súa XXXIII edición, aí é nada, pero non se ven no horizonte sinais que anuncien a súa posta en escena. Xa leva unha moratoria importante na súa convocatoria e non parece que o interese por reactivalo sexa unha prioridade por parte dos seus organizadores. Unha mágoa e un erro grande. O certame de piano cidade de Ferrol goza dun prestixio culural cumprido dentro e fora da nosa raia porque a el se presentan intérpretes de todo o mundo algún dos cales xa forman parte do elenco que se sitúa no máis alto, nese lugar reservado aos posuídos dun talento extraordinario. A el acudían máis de vinte interpretes e perante uns días Ferrol era unha festa para os amantes deste instrumento rei e para os melómanos dunha cidade con esencias musicais. Tíñamos que defender este certame por todo o que nos proporciona, como fan outras cidades coma por exemplo Santander co seu premio Paloma O`Shea que xa forma parte da idiosincrásia da cidade montañesa e cuxo concerto final o retransmite a 2 de TVE para todo o país. Nós tamén temos a 2 de TVG e resulta inaudito que ata o de agora non se fixera o mesmo, dando ao premio de Ferrol a proxección que se merece, e cústame dicir “merecía” porque eu aínda teño esperanza de que este asunto tan interesante para a cidade se reactive, non me resigno a asumir que pola desídia ou pola razón que sexa o Premio de Piano  desapareza de Ferrol. Pode que a cuestión de orzamentos poda ser unha das causas de non convocalo, pode que o Premio estea tamén necesitado dunha renovación no estamento organizativo, poden... ser moitos os motivos pero o goberno da cidade, sexa da tendencia política que sexa logo das próximas eleccións, debería coller o touro polos cornos e coma fixo Ursus en “Quo Vadis” vencer as dificultades, levantarse e proclamar aos catro ventos que o Premio de Piano “Gregório Baudot” da cidade de Ferrol renace das súas cinzas e Ferrol volverá a estar na élite das cidades musicais por antonomasia. Despedin ao meu amigo melómano e vencellado á Sociedade Filharmónica Ferrolá con esta esperanza aínda non perdida.

Que é do Premio de Piano?

Te puede interesar