Póñome a escribir diante da pantalla do ordenador sabendo a ciencia certa que non vou dicir nada que vostedes non saiban, que non vou poñer sobre o tapete ningunha clave que descubra as causas de por que suceden certas barbaridades e os impactos das súas consecuencias. Hai unha semana todos quedamos abraiados polo terrible atentado terrorista en París cuxos autores pertencen ao chamado Estado Islámico ou Daesh, e a civilizada Europa tremeu diante de tanta barbaridade mobilizándose espontaneamente diante dese crime execrable no que perderon a vida 130 inocentes. Pero logo da reacción inicial un intenta reflexionar sobre as causas que provocan estas atrocidades, para o cal non hai máis que rebobinar a cinta e entón un atópase ao principio coa Guerra de Iraq que ven de ser a nai e orixe de todo o que veu despois, unha guerra baseada nunha gran mentira auspiciada polo famoso e nefasto “trío das Azores”, un tridente de auténticos terroristas que se foron de rosiñas cando en realidade tiñan que ser acusados de crimes de lesa humanidade, xulgados e condenados por provocar coa súa actitude máis dun millón de mortos que se incrementan día a día.
Pero non, por aí andan dando conferencias e vivindo a corpo de rei. Toni Blair pediu desculpas, pero os outros dous por aí andan lío, lío. Por si todo isto fose pouco, o mundo occidental civilizado seguiu dando de comer a esa besta que agora nos ataca: recorden o apoio a Al Qaeda cando loitaba en Afganistán contra as tropas rusas ou a conivencia e axuda case incondicional co Estado Islámico contra Sadan Husein en Iraq. Pois daqueles ventos estas tempestades. Por outra banda aínda prevalece en nós esa premisa que establece unha división entre cidadáns de primeira e os outros, o que nos leva a que as veces caiamos en comportamentos certamente hipócritas. Si é verdade que está moi ben toda esa corrente inmensa de solidariedade coas vítimas deste recente atentado, non é menos certo que alá, noutro mundo, nese que consideramos remoto e afastado do noso transcorrer vital, están a morrer miles de persoas moitas delas nenos que tamén teñen nomes e apelidos rebentados polas bombas sen que dende aquí ninguén teña unha lembranza para eles. Son, dicimos, os efectos colaterais dunha contenda que pouco ou nada ten que ver connosco, pero non é certo: ten que ver e moito porque a guerra xa non queda circunscrita a un territorio delimitado, non, a guerra estendeuse e semella que o mundo occidental resulta territorio operativo, tanto que poderíamos pensar que estamos mergullados xa na Terceira Guerra Mundial, diferente ás outras dúas, si, pero guerra a fin de contas e que comezamos a formar parte dos frontes de batalla.
Mandar avións a bombardear Siria non vai traer máis que un resultado de ida e volta a xeito de búmerang. Quizais axudaría atacar por onde máis lles pode doer: cortando as súas fontes de financiamento, pero imaxino que isto tampouco será doado de realizar. Si, París fomos todos hai uns días, pero non estaría de máis pensar tamén que Bagdad somos todos cando estoupa unha bomba nalgún mercado matando a moitos civís que non teñen que ver coa guerra, ou que Alepo somos todos cando centos de nenos morren a diario rebentados polas bombas dos drones e avións enviados polo mundo da liberdade-fraternidade e igualdade. Pero esta reflexión miña non vai a arranxar nada, tan so váleme a min coma catarses, como unha maneira de desafogo persoal que hoxe, dadas as crueis circunstancias, quixen compartir con vostedes.