A ILLA DOS OFICIOS CIENTÍFICOS DO MAR

Temos constancia de que, en dúas ocasións polo menos, Martiño Sarmiento veu de visita pola nosa cidade e comarca –unha viaxe en 1745 e outra en 1754–. As razóns científicas, xa que se trataba dun ilustrado vivamente interesado por un amplo abano de saberes, conduciríano até aquí, alén de a outros lugares de Galiza. Recadar exemplares botánicos, recoller léxico propio do mundo animal, e do rural ligado aos costumes, ás lendas e á etnografía, etc. dan fe do seu vasto quefacer que tanto ten axudado, p. e., á hora de compendiar lexicografía, ben asaz necesario para o desenvolvemento filolóxico e o estudo científico da lingua galega.
Ten definido Ferrol, así mesmo, como verdadeira “illa científica”, sobre todo en referencia aos arsenais. Estamos a falar, claro, do séc.XVIII. A cidade era un nítido fervedoiro, tanto polo seu desenvolvemento urbanístico canto polo industrial, grazas ao impulso dado por Patiño, quen propuxo a  Filipe V instalar a capital do “Departamento Marítimo do Norte” na ría de Ferrol, e a construción do Arsenal. Sarmiento, impresionado, debeu ser testemuña desta eclosión espectacular da cidade “ex novo” e da construción das instalacións navais e do estaleiro, viva mostra do dinamismo modernizador experimentado no momento, xunto coa expectación que de arredor deste importante feito se estaba a producir.
Pouco descubrimos dicindo que Ferrol, en certa medida, malvive hoxe como resultado da falta de modernización e, sobre todo, da diversificación que os tempos  requiren, xa desde etapas ben recuadas por certo. Os cíclicos vaivéns a que a demanda da construción naval nos somete son taras adquiridas de nacemento. As sinerxias, non obstante, nunca foron empregadas de xeito multidireccional, ben ao contrario, case sempre foron a prol da consecución de algo que revertese no ámbito da construción naval ou, no seu defecto, do mundo da Armada. Porén, si é posíbel facermos alusión a unha breve etapa en que houbo unha incipiente industria, neste caso á marxe da construción de barcos propiamente dita. Nun determinado momento chegaron a coincidir tres empresas ben distintas: a fábrica de lapis Hispania, a do bacallau PYSBE e a Peninsular Maderera. Mesmo con momentos de vacas gordas, de bonanza xeral, e até de coincidencia co auxe da construción dos superpetroleiros para Astano. Pero a conxuntura dun ciclo económico distinto, e doutros problemas engadidos (descolonización da Guinea Ecuatorial, prohibición de pesca nos caladoiros de Terranova, reapertura do Canal de Suez...), devolveron Ferrol ao seu pecado orixinal.
Mais as sinerxias continúan estando aí pese a todo. Referímonos á poboación cualificada e experta, hoxe desaproveitada e infrautilizada, por enésima vez, a consecuencia da crise do naval, e á que agora se lle superpón a depresión económica global en que estamos inmersos. Falaba Vicente Araguas o venres pasado –presentaba “Ada y los ratones colorados”– acerca do feito de que Ferrol está en boca e nos medios de comunicación de todo o orbe como exemplo de cidade desafiuzada, mesmo cunha reportaxe de relevancia nun especial de El País. Con inmensa sorna, aínda que coas habituais doses de saudade, o escritor restaba importancia ao catastrofismo, e reivindicaba a figura de Carvalho Calero, da súa casa, ao unísono que o barrio de Ferrol Vello. Catastrofismo que, lonxe de atenuar, os que si o vemos desde dentro tendemos a obxectivar sen sombra de edulcoramento, evidenciando o estado de pura ruína en que se encontra.
É mester, no entanto, que nos centremos nos elementos positivos agora, pois é de xustiza que citemos certos signos que nos poidan facer levantar un pouco este ánimo contrito. Débese recoñecer que, a pouco que se faga, o pobo ferrolán é agradecido con canta manifestación de festa ou ocio haxa. A Semana Santa, con independencia do feito relixioso en si, de veras que congrega un elevado número de persoas, propias e alleas, que moven comercio e hostalaría en distintos graos. Tamén o factor dos cruceiros, outro elemento a ter en conta de sermos capaces de captar que se faga gasto na cidade. Pero o primeiro investimento, logo, sería adecentar a fachada marítima. A rehabilitación urxente do máis inmediato, Ferrol Vello, tanto para cruceiristas como para os que entran á urbe desde a autovía tórnase fundamental. Observemos como o Canido das Meninas está resultando unha iniciativa singular e estimuladora que revitaliza o barrio, agora tamén coa reconstrución e pintado de casas, alén dos murais pictóricos que lle dan certo aspecto bohemio. O potencial turístico, pois, é talvez unha das sinerxias máis firmes polas que se pode apostar actualmente. Así como polo Camiño Inglés dunha forma moito máis rotunda, semellante ao que se está a facer coa praia e cos deportes asociados ao vento e ás ondas. Que talvez estas, se ben non todas, sexan algunhas das apostas que á vella “illa dos oficios científicos do mar” sería posíbel aplicar como críbel industria potencial.

A ILLA DOS OFICIOS CIENTÍFICOS DO MAR

Te puede interesar