Xaneiro, 2018

Remata o primeiro mes do ano. Choiva, frío e todo o demais, herdanza dos derradeiros días do 2017, que abofé que non foron moi bos. O mundo non vai a mellor, os catro xinetes da Apocalipse seguen a cabalgar por toda a terra, guerras, fame, enfermidades, crimes e mortes cada vez máis cruentas. Moito coidado con Trump, Madero e ese coreano, chamado Kim Jong-un, que anda xunto co ianqui a remexer. Prégolles dende aquí a uns e a outros, que non xoguen con lume.
No noso país segue o culebrón catalán, con un esperpento novo cada día. Non sei a onde imos chegar pero a cousa non presenta unha solución doada. Onte mesmo ante o adiamento sine die do investimento de Carles Puigdemont, houbo en Barcelona carreiras e actuación dos Mossos d´Esquadra para evitar o intento de asalto e ocupación do Parlament. Imaxinade o que vai pasar o día que se presente este home, seguramente disfrazado de entroido, que é o que lle compre.
Leo no xornal de hoxe ( mércores 31 ) o artigo de Fernando Ónega, titulado “Abducidos por el fugitivo”, sensato e ponderado como sempre, poñendo o punto sobre os is. Pregúntase o gran cronista lucense, que é o que ten este home para levantar tantas paixóns, e mesmo onde están os seus méritos para ser nomeado President, como se fóra un novo Mesías.
Por certo, ollo cos mesianismos. A xente xa debería estar curada deste tipo de espantos, so hai que volver a vista atrás e recordar a historia do século XX. Por suposto que tamén en España onde tivemos un bo exemplo. Non se concibe que despois de experiencias tan tráxicas con millóns de mortos debido a megalomanía duns poucos iluminados e moitos arribistas achegados, se siga rendendo culto á personalidade dun exaltado. Non hai un só home no mundo merecedor de semellantes devocións e fanatismos. Por suposto que tampouco o Puigdemont, actualmente fuxido da xustiza en Belgica, que coa súa teima o único que está a acadar é a ruína do seu país e poñer en ridículo aos cataláns e por ende aos españois todos. Moito me temo que os seus delirios van a acabar como o Rosario de la Aurora.
Aviso a navegantes, o 2017 non foi, ao meu xuízo, un bo ano, aínda estamos a tempo de que o 2018 non se converta nun “annus horribilis”.
Última hora.- Non son moito de fiar as verbas de Puigdenmont recoñecendo seu fracaso en plan vítima. Aínda dará moito que falar el e os seus socios independentistas. Demos tempo ao tempo  cos ollos moi abertos porque, a pesares da “desfeta” actual, o chamado procés non remata aquí.

Xaneiro, 2018

Te puede interesar