Gañou a iniciativa... manterase?

|

Os resultados premian a Pedro Sánchez por convocar as eleccións no intre oportuno. Así deixou en evidencia que a dereita lle impedía, mediante todo tipo atrancos no Parlamento, tomar algunhas medidas para atender aos colectivos que por razón de pobreza, marxinalidade ou violencia, están nunha situación desesperada. Tamén puxo o foco sobre as dificultades que tiña para obter maioría, dado as esixencias das forzas de esquerda e soberanistas. Todas estas argumentacións, serían demostradas axiña a través dos “venres sociais”, nos que escenificou a súa vontade de levar adiante as iniciativas que consideraba máis urxentes. Porén, non se pode entender como casual, que evitase as cuestións de maior contido e de confrontación cos poderes económicos, como son: a derrogación das reformas laborais, da Lei mordaza e do artigo 315.3 do C.P. 

O PSOE tamén aproveitou o temor que causa nas clases populares os ascenso de VOX e, como engadido extra que alimentou esta preocupación, a suma cotiá de propostas de estrema dereita do PP e Ciudadanos. A consecuencia electoral foi a redución da abstención en beneficio do PSOE e do soberanismo catalá e vasco. Demostrando asemade que a abstención afecta esencialmente á  esquerda, xa que abrangue a extensos sectores da clase obreira e da mocidade; que padecen a precariedade e os baixos salarios, e consideran que non hai forzas políticas que defendan súas reivindicacións. 

Agora ben, que este temor alentase a unha parte da clase traballadora e da mocidade a votar, polo temor a maiores retrocesos laborais e democráticos, non quere dicir que no futuro non regresen á abstención, se o novo Goberno non toma medidas que dignifiquen o traballo, eviten a pobreza e recoñezan o carácter plurinacional do Estado. E sobre todo, se os partidos e as institucións son refractarios ao protagonismo da clase obreira e do mundo rural nos cargos de dirección e representación. Non se trata só dunha cuestión de sensibilidade, de falar da explotación e opresión, senón de propoñer medidas que muden a tendencia regresiva, e que se lle dea aos dea ás clases subalternas o papel que lles corresponde. 

Freouse o avance da estrema dereita e o PP paga o seu xiro. Até onde chegará o debate interno? Isto terá consecuencias nas eleccións galegas, aínda que unha parte do electorado vota distinto segundo o ámbito. O vindeiro 26 de maio nas eleccións municipais e europeas veremos confirmada ou non a tendencia dominante. Seguirá perdendo espazo a dereita en beneficio da esquerda e do nacionalismo periférico? 

Gañou a iniciativa... manterase?