AS RELIXIÓNS (II)

Na tradicional España católica, reserva relixiosa de Occidente desde Trento, os templos cada día encóntranse máis bacíos; do mesmo xeito que os seminarios, centros de formación para sacerdotes. E os prognósticos indican que non se prevén síntomas de recuperación por ningunha parte. Este fenómeno sorprende aínda máis porque a desbandada relixiosa acontece nun tempo inmediatamente posterior á conclusión do Concilio Vaticano II; como se fose unha consecuencia ou un resultado do mesmo. ¡Quen o ía dicir! Analistas, e non poucos xerarcas houbo e hai aínda, alarmados fronte a esta realidade tan negativa para a súa forma de entender o que debe significar a Igrexa na sociedade nos tempos modernos que nos toca vivir. E o peor para eles está en que non encontran forma de atraer aos fieis que abandonaron para non volver. O poder clerical  non acepta o remedio de que sexan laicos formados, mulleres  homes, os que suplan a carencia de sacerdotes. Seguen esperando o milagre de que os seminarios retornen a tempos pasados. Algo que non se vai repetir. ¡Homes de pouca fe!, díxolles Xesús aos de aquel grupo que o acompañaba. Porque entre eles había algúns que empezaban a sentir medo do que Xesús facía e de como denunciaba as inxustizas dos ricos e dos poderosos. Hoxe pasa o mesmo. Para a Igrexa hai solucións válidas pero debe tomarse en serio o problema e comprometerse cos cambios necesarios. O mundo actual espera resposta ás súas desgrazas e non a encontra. O cristianismo non debe continuar a ser a relixión cómoda de devocionario e misa dos domingos. Hai que traducir o evanxeo en enerxía para influír na sociedade, como fixo Xesús coa súa palabra. Neste camiño andan polo mundo adiante millóns de cristiáns, mulleres e homes crentes e con formación, comprometidos no servizo á humanidade. Aprenderon de Xesús como se debe facer. O papa Francisco ten visión de futuro e anda a busca de cómplices. Esperemos que poida vencer os obstáculos. Esta Igrexa avellentada tradicional ten que morrer dando paso a outra que está nacendo. Un gran pensador, Xabier Pikaza comprometido coa renovación, escribiu hai pouco, “Salir de la Iglesia para ser Iglesia”. Hai que deixar atrás esta Igrexa do poder, da riqueza e dos dogmas, da que se foi apartando moita xente convencida de que as inxustizas e as relixións constituíron e constitúen aínda en algunhas partes do mundo as principais fontes de violencia e do orixe das guerras. Dar vida a outra igrexa que empeza a nacer, servidora e seguidora do Evanxeo debe ser o futuro. No cristianismo tamén se ten que producir un cambio de era.

AS RELIXIÓNS (II)

Te puede interesar