O CONGRESO DE FERROL E CUBA: UN ACERTO DO ATENEO FERROLÁN

No deserto cultural da Cidade Ensimesmada, incluíndo ao perlésico Concello de Ferrol, ás anódinas asociacións culturais e a Universidade, sempre tan cerca e tan lonxe da urbe, de cando en vez unha asociación como o Ateneo Ferrolán déixase ver, como o fixo o pasado ano co Congreso sobre Hildegart e desta rolda co anunciado Congreso arredor de Ferrol e a emigración a Cuba. 
 Desde comezos do século XIX as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal mantiveron amplas relacións coa illa de Cuba, a onde emigraron, a maioría por razóns económicas, milleiros de homes e mulleres desta terra. 
Como lembra este Congreso, os emigrantes agrupáronse en sociedades puxantes como o Centro Gallego ou noutras máis pequenas, formadas arredor dos seus lugares de orixe, influíndo na creación de institucións como a Real Academia Galega ou de símbolos como a bandeira e o himno galego. 
Os seus aforros foron determinantes para o desenvolvemento económico galego e para o nacemento de moitas iniciativas industriais, comerciais e benéficas. A cultura local, caso das escolas promovidas polos “indianos”, estivo inzada de referencias cubanas achegadas pola xente retornada de alén do mar.
 O Ateneo Ferrolán convoca este Congreso para os próximos días 13 a 15 de Novembro baixo o título “Ferrol-Cuba-Galiza, historias comúns”, co obxectivo de promover a investigación das relacións entre as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal e a Illa de Cuba a través da emigración. 
Dese xeito trátase de contribuír ao coñecemento dunha historia común e salientar a importancia da emigración desta zona na historia de Cuba e na historia de Galicia.
 Cumpre subliñar que moitos estudosos ferroláns xa trataron a emigración ferrolá en Cuba. Guillermo Llorca na súa publicación “Ferroláns en Cuba” fixo un completo percorrido pola presenza dos naturais de Ferrol en Cuba; Xaime López nas súas colaboracións na prensa tratou dos personaxes ferroláns, en especial Fontenla Leal, na illa caribeña; ou Esperanza Piñeiro estudou na súa obra “La Guerra de Cuba vista desde Ferrol” un tema bélico que tanto afectou a nosa cidade. 
 O ferrolán Recaredo Fidalgo e a periodista cubana Ángela Oramas escribiron a biografía do arquitecto ferrolán Calixto Loira e súa obra, o cemiterio de Colón na Habana. Escritores da nosa urbe trataron da presenza doutros ferroláns en Cuba como Ramón Plá, marqués de Amboage, o militar e periodista José Ferrer de Couto, ou a saga familiar dos Novo. 
 A organización do Congreso está aberta a todas as propostas suxeridas polos investigadores, sinalando como aspectos de interese o papel da muller na emigración, a participación da emigración na vida social de Cuba, as transferencias culturais entre Galicia e Cuba, a influencia da emigración na identidade nacional galega, a tarefa desenvolta en Galicia polas sociedades de instrución dos emigrantes ou a repercusión dos seus investimentos na súa terra.
 Está prevista unha conferencia inaugural a cargo de Xosé Neira Vilas, un dos mellores coñecedores da emigración a Cuba. Ao longo do Congreso terá lugar unha exposición bibliográfica e celebraranse diferentes proxección de documentais e audiovisuais, actuacións musicais e recitais poéticos.
 Entre outros investigadores da Terra e Mar de Ferrol e das comarcas de Eume e Ortegal, anúnciase a presenza no congreso de Esperanza Piñeiro, Manuela Santalla, Xavier Brisset, Juan A. Carneiro, Xosé María Dobarro, Bernardo Máiz, Fernando Ocampo, Miguel A. Rodríguez Vázquez e Henrique Sanfiz. Eu mesmo, como escritor exiliado de Ferrol, e se me deixan, teño previsto participar no Congreso. 
 Retallos dun FTV. Mentres isto ocorre, o Goberno municipal deixa ver a súa incoherencia intelectual ignorando unha sinal de identidade ferrolá, cultural, turística e, para moitos veciños, relixiosa, como é a  Semana Santa. 
De todas as maneiras, tamén cumpre esixir os seus compromisos coa Semana Santa de Ferrol á Xunta de Galicia e á Deputación Provincial, que desde tempo atrás veñen a prometer moito e non fan todo o que deberan a prol da mesma. 
jjburgoa@hotmail.com

O CONGRESO DE FERROL E CUBA: UN ACERTO DO ATENEO FERROLÁN

Te puede interesar