Non comparto en absoluto o dito de que é mellor o malo coñecido que o bo por coñecer. Imaxino que ningún de vostedes, no caso de seren empregadores, seguiría a ter en nómina un traballador que lle roubase ou o enganase día tras día. Non o despediría de inmediato e contrataría outro, mesmo arriscándose a que o seu traballo non fose o esperable e a ter que seguir buscando? Por que non actuamos así en política? Non o sei. A subida en votos do PP é para min incomprensible. Alguén pensa realmente que algún outro partido vai poder cometer ou permitir os “presuntos” actos de latrocinio coñecidos; conseguir unha ministra de traballo que lle agradeza á virxe do Rocío a axuda prestada para “saír” da crise; un ex-ministro que grave as enerxías renovables ou un responsable de Interior tan cuco, que o seu mal menor vai ser impor a medalla de ouro ó Mérito Policial á virxe María Santísima del Amor? É tan surrealista que se mo contasen non o crería. E eu que me sorprendía das mensaxes de Chávez a Maduro en forma de paxariño...