Telediario

artes 20 de setembro, son as nove da noite e no Telediario le o Sr Rajoy, presidente do Goberno unha declaración institucional. Gustoume o seu discurso, ben estudado e ben ponderado, cheo de serenidade, sentido común e boa vontade a procura dunha solución pacifica á desfeita catalá. A cousa está que arde, rexistros, algaradas, detencións, manifestacións e carreiras con miles de persoas na rúa durante toda a xornada. Un, ao ver tanta xente nas rúas, non pode menos que preguntarse, entre outras cousas, en Cataluña quen traballa?
Os políticos coa súa política canalla buscando posicións. Non sei como lle irá a Don Mariano desta volta. Ao final vano acusar de ser o principal responsable da situación, de feito xa o é aos ollos da oposición que está a velas vir, para aproveitar o seu hipotético fracaso e convertelo en chibo expiatorio do que está a suceder. Este home, cunha capacidade de resistencia sobradamente demostrada, estando como está suxeito a tantos atrancos e deslealdades, fai o que pode ou o que lle deixan facer. 
O problema, haxa ou non haxa votación non é doado de resolver. En calquera caso, que vai pasar a partires do dous de outubro? Ese elevado número de recalcitrantes independentistas non vai ficar calado. 
Que compensacións, que reclamacións que é ao meu xuízo o leit motiv do que eles chaman proces, teñen preparadas o Sr. Puigdemon e as súas comparsas? Penso que eles xa contan con que o referendo non se vai celebrar, ou que en todo caso, non o van gañar, pero a súa principal xogada está aí precisamente, na esixencia de compensacións. 
A ver quen lle pon a solución a esta encrucillada, non esquezamos que o independentismo catalán ven de lonxe e aínda lle queda un longo recorrido. 
Abofé que non o ten doado o Sr Rajoy, ¡co ben que estaría este home vivindo en Pontevedra ou en Santiago de Galicia dedicado ao seu verdadeiro oficio de Rexistrador da Propiedade!
Outras malas novas do Telediario son as declaracións de Trump, un cabalo nunha cacharrería, con ameazas punxentes a Corea, a Venezuela, a Irak, a todo o que se move. Este, como non o paren, vai meter o mundo nunha guerra, a terceira guerra mundial, se é que xa non estamos metidos nela.
Novo terremoto en México, onde van contabilizados 250 mortos e centos de desaparecidos. Caos, horror e medo no Mexico lindo e querido.
Este mundo está cada vez máis tolo. Periga esta terra que nos acolle a todos. Por dicilo dalgún xeito, ¡que Deus nos colla confesados!

Telediario

Te puede interesar