As incertezas dos cambios electorais

Sempre fun partidario dun maior debate político, esencial para mudar estruturas anquilosadas que preservan intereses económicos, sociais e de poder, que hipotecan o futuro da maioría.
Polo tanto considero positiva a viraxe á esquerda nas últimas eleccións europeas, mesmo que considere esencial para o pobo galego que o nacionalismo recupere o seu peso electoral e sexa quen de se converter en forza hexemónica.
Este cambio electoral aínda ten moito de conxuntural, de “marea” no senso máis estrito da verba; ou sexa, que está sometida a un constante fluxo e refluxo, cambio de siglas, eivas nas responsabilidades e decisións persoais, e programas xenéricos que combaten todas as lacras, mais que non ofrecen un proxecto alternativo concreto.
Daquela, polo de agora, é un proxecto sustentado nos medios de comunicación, dependente deles, carente de estrutura e militancia consolidada, organizada, e capaz de desmontar o actual bloque de poder.
É verdade que pode construír no futuro esta estrutura, definir con máis claridade os obxectivos tanto no social, como no nacional. Por exemplo: se propoñen saír do euro e da UE, se pensan nacionalizar os sectores estratéxicos, se esixen un reparto máis xusto do traballo e da riqueza producida (relacións laborais, prestacións básicas, fiscalidade), se recoñecen o dereito de Galiza á autodeterminación, e polo tanto apoian a autoorganización a todos os niveis do pobo galego.
Como se ve, non podo chegar na análise máis alá das hipóteses. Por unha banda, hai moitas preguntas sen resposta e, por outro lado, promesas doadas de democracia, traballo e honestidade (quen, en principio, non vai estar de acordo?).
Neste caso a vantaxe dos que as fan é que non teñen, en moitos casos, responsabilidade de xestión anterior, noutros haina, mais agóchanse detrás de novas siglas (por algo será). Non penso que este xeito de traballar axude a clarificar o contexto político, a elevar o nivel de organización; ten moito de se subir á cresta da onda. Hai que aproveitar mellor os novos medios de comunicación, porén, ao final, mudar o poder implica militancia organizada e entregada. E, mesmo así, ás veces non abonda.

As incertezas dos cambios electorais

Te puede interesar