A alternativa plural

Núñez Feijóo é campión de dúas modalidades políticas: facerlle oposición á oposición e botarlle a culpa aos demáis (antes era aos sanitarios da situación da sanidade, agora é aos concellos da situación dos socorristas nas praias e do mal estado dos Camiños de Santiago). O presidente repenica unha e outra vez a súa ladaíña: compre votarmos a estabilidade do PP, afastándonos deste xeito dos previsíbeis desastres dun tripartito ou cuadripartito, seica dirixido polas “Mareas de Podemos”. Se os mareantes buscan a alianza con Podemos mal porque manda o do chicho. Se afortalan (coma arestora) a autonomía do seu proxecto e do seu discurso mal tamén porque “nin se entenden entre eles”.
O PP na Galicia pregoa unha e outra vez un relato no que a colaboración, a coalición entre as forzas é manifestación de febleza. De feito un dos problemas que ten Rajoy para formar goberno é esta estrutura mental: dialogar e transixir é malo, impoñer dende o discurso único é o que mola. Velaí que as forzas todas da oposición ao PP (nas que evidentemente non entra Ciudadanos, definitivamente operante no ámbito da dereita dura e neocentralista) haberían amosar en público a súa vontade real de remuda no Goberno, a súa vontade de alternativa. Dun xeito definitivo, que lle faga ver a cadanseu electorado que o seu voto vai ser ferramenta de cambio.
Cál ha ser o mínimo común denominador do PSOE de Leiceaga, das Mareas de Villares, do BNG de Pontón ou de CxG de Bascuas? Un pacto por Galicia, baixo os eixos da rexeneración democrática, do crecemento e reindustrialización, da ampliación substancial do autogoberno autonómico e local e da ordenación do territorio e medio rural en clave de aproveitamento produtivo, sostibilidade ecolóxica e implementación dun novo Mapa local, que desmonte as provincias e potencie os concellos.
Teñan claro as forzas do cambio, quer soberanistas , quer federalistas ou autonomistas, que os eleitores están pola seguranza de que todos os seus votos van contar na alternativa ao PP. Porque o mapa electoral de Galicia esta dividido case en dúas metades e a mobilización do electorado galeguista e progresista pasa por se representar a utilidade do seu voto para substituir ao actual goberno do PP. Nin máis nin menos.

A alternativa plural

Te puede interesar