A ineptitude do Concello de Ferrol e a vergonzosa historia do Museo da cidade

|

úmprense dous anos que o día 11 de febreiro do 2016 Guillermo Llorca e Juan J. Burgoa presentaron no Rexistro Municipal unha “Declaración a prol dun Museo da Cidade”, apoiada polas dezaseis asociacións e entidades culturais máis importantes de Ferrol, dirixida ao Alcalde da Cidade Jorge Suárez, aos Concelleiros de Cultura e Patrimonio Jesús Basterrechea e Rosa Méndez, e aos cinco grupos políticos da Corporación.
A Declaración, froito dun continuado traballo de consenso que durou varios meses, conseguiu que por primeira vez na historia de Ferrol un documento desta índole fose asinado pola maioría do tecido cultural da cidade, representado por dezaseis entidades de diferente orientación política y socia. Firmaron a Declaración: 
Amigos del Teatro Jofre, Asociación Cultural Fuco Buxán, Asociación Cultural Galicia Ártabra, Asociación Cultural Muiño do Vento, Ateneo Ferrolán, Casino Ferrolano, Club de Montaña de Ferrol, Club de Prensa de Ferrol, Foro de Amigos de Ferrol, Fundación Fontenla Leal, Galería Sargadelos, Liceo Europeo de las Artes, Sociedad Artística Ferrolana, Sociedad de Cultura Valle Inclán, Sociedad Filarmónica Ferrolana, Tribuna para el Diálogo
Esta iniciativa non tivo contestación, ni tan siquer acuse de recibo, nin do Alcalde, nin dos devanditos concelleiros, nin dos representantes dos cinco grupos políticos do Concello, nunha mostra de total falta de educación destes oito persoeiros, que a maiores amosaron a súa total ineptitude no eido cultural.
Ferrol, cabeceira dunha ampla comarca de máis de 600 quilómetros cadrados de extensión, abranguendo 11 concellos, aínda non dispón dun Museo da Cidade, como teñen outras localidades próximas, para que veciños e visitantes poidan coñecer o notable Patrimonio Cultural dunha urbe con historia de seu desde época medieval,  vila de señorío dos Andrade, vila ilustrada de reguengo no século XVIII e urbe con título de cidade desde o ano 1858. 
Ferrol necesita un Museo da Cidade para gardar, expor e poñer en valor os obxectos e coleccións referentes ás épocas castrexa e medieval, a Ilustración e o Modernismo, os bens procedentes do Patrimonio Industrial e Comercial, a cultura do traballo, a memoria obreira e da emigración, as Pepitas, a Semana Santa, a música tradicional  e o deporte, sen esquecer as dúas rutas históricas da comarca, o Camiño Inglés e o de Teixido, así como a importante documentación relativa ao fracasado e mal xestionado expediente de Patrimonio da Humanidade.  
Este Museo da Cidade debe protexer, conservar e difundir o Patrimonio Histórico e Cultural de Ferrol, facilitando ademais o traballo dos estudosos e investigadores.  Todo iso sen esquecer a exposición pública das numerosas obras de pintura, gravado e escultura, da autoría de artistas coñecidos, espalladas pola cidade, moitas veces almacenadas de forma pouco axeitada.

A ineptitude do Concello de Ferrol e a vergonzosa historia do Museo da cidade