Portugueses e españois

|

A raia, a liña imaxinaria que delimita os lindes dun país respecto a outro, a que di ata aquí chegamos e a partires de aí xa somos outra cousa, a traza o home. O territorio non coñece de barreiras. Os dous pobos que configuran a Peninsula Ibérica, teñen moito en común:  un xeito similar de ver a vida que se traduce nunha  maneira de ser tamén moi próxima. Temos, claro, a barreira do idioma que no noso caso, o dos galegos, no é tal, posto que nos comunicamos sen esforzo aparente. Se é verdade que a lingüa nos proporciona unha palpábel e indiscutíbel sinal de identidade, non é menos certo que representa tamén e fundamentalmente, unha ferramenta para entendémonos, e aí os galegos temos un achegamento aos portugueses, creo, maior que o resto de españois. Galicia podería prolongarse en Portugal e viceversa. Case compartimos un idioma común, aquel  no que escribía as súas cántigas  Alfonso X e  no que cantaron tantos e tantos trovadores famosos na Idade Media. Un día don Ricardo Carballo Calero reparou no portugués para tentar poñer certo orde e forma a un idioma galego que adoecía dunhas directrices normativas. O seu posicionamento a prol da normativa lusista creoulle certo rexeitamento nalgúns sectores da intelectualidade oficialista galega, e xa que logo a súa candidatura para dedicarlle o “Dia das Letras Galegas” terá que esperar malia ter o insigne profesor ferrolán, baixo a miña modesta opinión, méritos dabondo,  Pero ista xa  é  outra historia que de súpeto ven a miña mente por  atoparme de visita neste país  onde leo prensa en portugués e procuro falar coa xente aproximándome á lingüa de Saramago, con acento galego, claro. Será cousa de practicar máis. E que opinión teñen de nós aquí os portugueses?: pois nin boa nin mala senón todo o contrario, e dicir: vennos con certa indiferencia. Claro que me atopo nun lugar da costa preparado para dar servizo aos turistas, un sitio que se podería comparar coa Costa do Sol española, cheo de xente foránea na súa maioría ingleses que son os que consumen e os que deixan a pasta   por aquí. Os españois no Algarve somos minoría e quizais miramos máis  onde poñemos os euros porque intuímos con máis tino onde pódennos dar gato por lebre, cousa case normal cando hai turistas polo medio, pero en xeral o trato é cordial o que, sen dúbida, facilta a convivencia neste lugar cheo de cómodas urbanizacións e de belidas praias. Hai, claro, outro Portugal máis próximo no que a empatía é maior  sen o condicionante do turismo anglosaxón. Por aquí achéganse turistas de variada condición: os españois a maioría pola estrada, os ingleses, alemáns e nórdicos polo ar e algúns, os menos,  fanno polo mar nunhas embarcacións asombrosas, de película. O puiden comprobar nunha visita que fixemos a Vilamoura, concretamente a súa mariña pois a min gústanme os barcos e alí hainos para dar e tomar. Un deles era un mega-iate duns cincoenta metros de eslora con pabillón inglés, de tres alturas, cuxo nome chamoume poderosamente a atención: “Vive la Vida”.  Xa poderás!, dixen para os meus adentros. Pola fachada marítima moitas tendas e restaurantes e unha morea de autos de luxo en sintonía cos “xoguetes” pousados  na auga. E moita xente paseando comprobando o ben que viven uns poucos aos que non lles afecta a crises tal vez porque, vaian a saber, o mesmo foron causantes dela. Quédanme un par de días por aquí e agora lembro cando hai tempo visitei Coimbra para dar un recital da Nova Canción Galega na súa Universidade na compaña do poeta Manuel María e dos músicos Zalo, Agustín e Josechu, e tamén en Viseo onde tratáronme de marabilla. Doutra volta teño que facer visita a ese outro Portugal . Abofé.

Portugueses e españois