De Pontedeume a Betanzos (quentando pernas en Breamo)

A saída de Pontedeume, logo dun café con churros no Martiño (bar tan clásico que aínda ten retrete dos que chaman de pegada ou “huellas”), é de moitos estalos. Poisque durante uns vinte minutos o peregrín deberá tensar as pernas ben tensadas, porque a subida a Breamo é dura e cunhas cantas curvas, non perigosas mais de pouco acougo, deica chegar a un campeiriño. Onde o xefe dos peregríns, ou iso semella o nachiño que comigo vai e a quen baebeo decotío, fai un alto para recorganizar o grupo, francamente desartellado. 

Imos todos agora polo campo, abondo civilizado mais sen asfalto (de momento). O percorrido faise ameno e os eucaliptos, monotemáticos en etapas anteriores, van deixando paso a carballos e faias e ameneiros. Nunha destas aparecemos beireando un campo de golf, ben coidado, anexo a esa urbanización pantasma que din Fadesa, e que desde a estrada xeral mostra muñóns e esqueletes. Estamos, pois, no Concello de Miño, ao que axiña teremos de arribar, pasando pola Rúa Real, onde hai un providencial Covirán, rexentado por unha prima de Paco Fernández Cagiao, amigo fraternal do abaixo asinante en Xuvia-Neda. 

Mágoa que o CI faga de Miño un visto e non visto que axiña estamos xa no Concello de Paderne, enfiando a Ponte do Porco, lembranza categórica dos Andrade, mais desta volta sen máis portádego que o do noso esforzo nesta etapa que eu chamo “quebrapernas”, porque se non ten moita quilometraxe, vintedúas veces mil metros, abeira subidas e baixadas, comprometedoras para os xeonllos dos peregríns. Como a costa que nos leva a San Pantaleón das Viñas. 

Alí Montecelo, onde unha vez vin saír tantos cregos, elegantísimos co seu “clegyman”, que non din acreditado na famosa crise vocacional. 

E logo de Montecelo camiñar e camiñar ollando lá baixo como o Mandeo vai abríndose camiño para a Ría de Betanzos que vimos de deixar cada vez máis atrás. E con ela o mar neste percorrido cada vez máis de interiores (certos ou figurados, que o Camiño enguedella, engancha, atrapa ¡e de que maneira!, que ninguén volve, dou fe, como saíra, e nunca peor). Que despois dunha fonte estratéxicamente disposta comezamos espreitar, lá ao fondo Betanzos.

Con eses estafermos, o que máis me amola o da Praza dos Irmáns García Naveiras, que camuflan o concepto medieval do que fora capital, “in pectore”, das Mariñas. E logo dunhas subidiñas coroamos o camposanto betanceiro, fito que sinala a baixada longa a Betanzos. Para logo de cruzar a Ponte Vella, e traspasar a Ponte Vella (a miña alma vella, anovada) subimos –e logo descendemos- á Praza dos Irmáns García Naveiras, a única do mundo onde unha estatua un cabaleiro aparece telefonando. No seu honor aparezo eu na foto que acompaña este texto, con Laura, Irene, Leyre e Andrea, chamando por teléfono. 

En Betanzos, no seu cerne. Antes de saír para a etapa raíña, a que nos levará a Ordes. Logo de dormir no IES Vales Villamarin. Os rapaces e profesores novos. O “vecchio professore”, no Garelos, hotel moi competente. Obrigado, Adriana.

De Pontedeume a Betanzos (quentando pernas en Breamo)

Te puede interesar