Ferrol e Narón, por que non unha andanina común?

|

Unha Orde do 21 de Xaneiro de 1940 do Ministerio da Gobernación aprobou a agregación do antigo Concello de Serantes ao de El Ferrol del Caudillo (sic), sendo este último o nome do novo concello. Mentres a citada Orde aprobaba este expediente de “agregación”, as actas do Concello de Ferrrol escribían “anexión” de Serantes e as do Concello de Serantes falaban da “fusión”. Hoxe cúmprense setenta e seis anos da creación deste novo concello.  
A creación do novo concello significou unha boa ocasión para a expansión de Ferrol, ata entón constrinxido á propia cidade, á vila de A Graña e á freguesía de Brión. 
Non obstante semella que non se aproveitou debidamente esta expansión e posiblemente non se tivo a merecente atención desde o concello de Ferrol aos problemas da nova zona rural.
Hoxe son cada vez máis necesarias as unións municipais nunha Galicia que conta 314 concellos, polo que se debe dar un pulo á fusión dos concellos de Ferrol e Narón, que tanto poden ganar ambos coa mesma. 
Sen negar os inconvenientes a presentar –problemas de persoal, xestión de servizos comúns, sedes do novo concello–, semellan maiores as vantaxes de crear un concello de máis de 110.000 habitantes e case 150 km2, cun amplo espazo urbano entre Freixeiro e Ferrol Vello, converténdose no terceiro núcleo urbano de Galicia, despois de Vigo e A Coruña.   
Nun análise factorial da situación semellan máis as fortalezas que as debilidades á favor dun novo concello que disporía de maiores axudas e vantaxes económicas polo aumento de poboación, ademais do aforro de gastos correntes. 
Á contribución de Ferrol, cabeceira da comarca, das súas infraestruturas, do Porto Exterior, do estaleiro de Navantia, do campus da Universidade e das sedes das administracións públicas, hai que engadir o emerxente despegue de Narón, achegando o terceiro polígono industrial de Galicia, Río do Pozo, unhas modernas áreas comerciais e empresariais e un espazo urbano e residencial consolidado arredor da Estrada de Castela. 
Aínda que existe certo rexeitamento social a esta unión, seica maior en Narón que en Ferrol, mentres a primeira localidade vai reducindo a distancia poboacional respecto á cidade ferrolá grazas ao crecemento experimentado pola construción nestes últimos anos, semella necesario que ambos concellos impulsen medidas modernas de cooperación como as que están a levar a cabo outros núcleos urbanos na aplicación do moderno concepto de cidades intelixentes, ou na coordinación das axudas conxuntas do Plan Urban.
Estamos a falar de medidas relativas á mellora enerxética, á redución de consumos municipais de alumeado e auga, á promoción de aparcamentos estratéxicos, a optimización do transporte público, a implantación de servizos comúns e centralizados, e a coordinación das actividades culturais e de ocio, entre outras.
Por outra banda, arestora que semellan abrirse mellores expectativas no eido industrial e naval, Ferrol debe avanzar na senda de aumentar o seu peso político logrando melloras nas infraestruturas , feito moi importante no caso da unión de ambos concellos. Cumpre acabar co continuado illamento por ferrocarril, levar a cabo o parque empresarial en San Pedro de Leixa, rematar os accesos ao Porto Exterior, a creación de novos Xulgados e dunha sección da Audiencia Provincial, unha comisaría da Policía autonómica e os servizos do Rexistro Mercantil.  
Asemade, no eido cultural, dada a demostrada incapacidade do Concello de Ferrol para crear un Museo da Cidade e un Albergue de peregrinos que poña conxuntamente en valor o Camiño Inglés, que parte de Ferrol, e o Camiño Vello de Teixido, que comeza en Narón, unhas rutas ligadas pola historia, unha boa solución sería utilizar para iso o mosteiro de San Martiño do Couto. 
Mesmo nun intre no que Ferrol está a ter maior peso nunha diocese na que Mondoñedo vai a menos, o devandito mosteiro de Xuvia sería o lugar axeitado para o Museo e Arquivo Diocesano. 
jjburgoa@hotmail.com
 

Ferrol e Narón, por que non unha andanina común?