Polémicas

|

Aínda que xa vai para tres anos que sucederon, recordo, cal se fosen onte, os tremendos rebotes que agarrei cada vez que, con relativa frecuencia, tiven que viaxar de Ferrol a Braga, e viceversa, nos tres meses que residín na bonita cidade miñota. E a dicir verdade non era para menos.

Tocoume padecer aquela indignante situación ocasionada polas obras de ampliación da ponte de Rande que se traducíu en retencións, circulacións a paso de tartaruga, rodaduras por tramos que eran auténticas corredoiras... Lembro ben que acababa de lle cambiar os neumáticos ao coche e que me producía auténtica dor de corazón ter que sometelos a semellantes traqueteos. E todo polo mesmo prezo -exorbitado- que se estivésemos a circular por un pavimento de circuíto da F-1. Os abusos eran, pois, por partida dobre. Deses sofrementos persoais e maquinarios xa dei conta puntual en páxinas do noso Diario daquela altura.

Como é sabido, a mediados do pasado mes de decembro, o xulgado do mercantil número 1 de Pontevedra admitiu a trámite a demanda presentada pola fiscalía contra Audasa, a concesionaria da AP-9, por presuntas prácticas abusivas, esixindo a devolución das peaxes aboadas polos usuarios no tempo que duraron as molestas obras. Pola súa parte o xuíz instrutor facía un chamado a estes para que fixesen valer o seu dereito e se personasen no proceso. Sinceramente nin me preocupei do asunto, porque tirei a conclusión de que para recuperar os cartos correspondentes ao pago dunha ducia aproximada de viaxes non me compensaba poñerme con papeleos de ningún tipo. En calquera caso, si que vería con moi bos ollos que a empresa concesionaria fose debidamente condenada como merece. Teño escasas esperanzas de que así sexa, mais velaí queda o desideratum.

Sobre este asunto falou hai un par de días o vicepresidente da Xunta manifestando que lle resultaba difícil de entender o feito de que a avogacía do Estado se personase a favor da empresa e non dos usuarios. A este respecto, lembremos que aló polo mes de maio do pasado ano a Fiscalía Superior de Galicia confirmara a apertura de dilixencias de carácter civil por considerar que puidese haber un deficiente funcionamento no tramo de Rande nos meses que duraron as obras. Agora, cando xa vai comezar o xuízo, a avogacía do Estado considera que os feitos que se van xulgar non se referen ao ámbito civil e si ao xurídico administrativo, no cal considera que a concesionaria non vulnerou norma ningunha da contratación pública. Implica iso unha toma de partido?

Sexa como for, o que hai que ter presente é que todo o relacionado coa obra de Rande tivo lugar gobernando Mariano Rajoy, ao que podemos ver, todo rufo, inaugurándoa.

Polémicas