POLÍTICAS CUSPIDIÑAS

De sempre entendín –polo lido e polo vivido– que as relacións dos españois cos portugueses –e viceversa– non foron precisamente boas. Eran e seguen a ser francamente mellorables, tanto nos niveis institucionais como nos da rúa, nos que nos movemos a xente do común. Nin sequera nos anos en que os dous estados ibéricos padeceron, ó tempo, longas ditaduras de signo fascista.
Sabido é que a policía política de Oliveira Salazar detivo a moitos fuxidos das gadoupas da morte durante a guerra civil española para entregarllos na fronteira ás autoridades sublevadas, mais, con todo, as relacións nunca foron moi fluídas. Por parte española –sendo o cu de Europa, “África empieza en los Pirineos”, decíase– sempre se percibiu un aquel de superioridade, mesmo entre os emigrantes, que convivían mundo adiante.
Nós eramos pobres, estabamos empobrecidos, mais os portugueses estaban peor. Fraco consolo! Por parte lusa sempre houbo receos perante unha posibilidade de anexión, de integración en España.
Cada un na súa casa, din moitos deles. Non obstante, de vello, tense falado moito dunha confederación de estados ibéricos que, sen dúbida –estou convencido– tería aforrado moitos problemas e disputas de carácter nacional. Mais isto é outra historia.
Nestes últimos días, pasados na rexión autónoma da Madeira –practicamente en Funchal, a capital–, estiven lendo prensa portuguesa, concretamente o Diario de Noticias, un xornal centenario –137 anos– de información basicamente das illas que nada ten que ver co diario do mesmo nome que se edita en Lisboa.
É curioso como muda a visión das cousas estando ó carón delas que escoitándoas desde fóra. As informacións de Portugal entre nós, en consonancia co que dicía antes, son escasas. Tamén o son alí as relacionadas con España, excepto o da corrupción e o relacionado con Cristiano Ronaldo, madeirense de pro. O sorprendente, tendo en conta esa distancia entre os gobernos español e portugués, é que o que está nos medios e nas rúas, tanto aquí como aló, sexan propostas idénticas para seguir roubándolle ó pobo o que, cos seus traballos e impostos, conseguiu ter en sanidade, educación e pensións.
Que casualidade! O luns –segunda-feira– batín cun artigo de opinión, “A culpa não é minha”, da autoría dun médico chamado José Manuel Ramos, que penso que fala do mesmo que poderiamos falar aquí.
Agora que estamos co desgrazado accidente ferroviario, non nos soa isto? “Falo desta preocupação lusitana, em procurar a culpa, encontrar a culpa, e despois, muito rapidamente justificar e tratar de volatilizar ou sublimar essa culpa. E no final, ninguén acaba por ter culpa nenhuma –e ser xulgado ou condenado por ela. Porqué??... porque há muitas culpabilidades alheias ao problema, outras aleatórias ou incertas, e há culpabilidades que prescrevem na santíssima justiça portuguesa”.
Ou isto outro, tamén moi grave: “...parece-me que, este resultado, nasce do facto evidente, em sermos governados nesta jovem democracia –com já quase 40 anos de idade– por dois partidos iguais, iguaizinhos, con bandeiras e gravatas diferentes, com pensamentos diversos mas atuações muito idênticas”. A conclusión á que chega este cidadán de a pé entendo que tamén é idéntica á que vimos padecendo aquí, onde a culpa sempre é do outro: “Mas, a dizer à boca larga, que a culpa não é nossa, estamos a contribuir para a deseducação actual e das gerações seguintes! E há quarenta anos que o fazemos! Acham que isto é democracia?”. De onde sairá tanta coincidencia?

 

POLÍTICAS CUSPIDIÑAS

Te puede interesar