Outros deportes

Encontrar nos medios informativos noticias sobre outros deportes que non sexa o fútbol é tan imposible como prender o canal Teledeporte e que non estean emitindo un partido de tenis, xa sexa un torneo internacional como unha copa de San Roque. A mocidade nace co balompé e morre vendo o mesmo deporte toda a súa vida. Isto é unha verdade como un templo, porque hai rapaces que falan de Zarra ou Cardeñosa como se fosen seres sempiternos.
Deportes como o atletismo morren de pena por falta de afeccionados que comecen a practicalo desde nenos, por non citar outros que se chaman minoritarios e onde as posibilidades de destacar son máis abondosas, pero todo este desastre vén dado pola audiencias televisivas. Por exemplo, os que recordamos o rugby dos partidos do torneo das Cinco Nacións daquela deixamos a nosa paixón cando comezou a emitirse nun canal de pago e perdeu espectadores de tal xeito que a emisora optou por dar os partidos a altas horas da madrugada e de forma errática, para encher a grella. Nos Xogos Olímpicos a televisión dita o que interesa, a saber: fútbol, baloncesto e tenis, e de vez en cando aparece un espadachín ou cazador de patos.
Os galaicos, como seres de natureza gregaria, seguimos o que mandan as ondas dixitais emitidas desde a capital do Reino e vemos o que nos mandan e até vibramos cos éxitos e fracasos das diferentes seleccións españolas en deportes dos que aquí nin sabemos que existen, excepto por algúns entusiastas, como os que practican o béisbol ou van ao cinema veren películas sobre lendarios xogadores do país estadounidense.
Mentres vascongados, cataláns e outros pobos foráneos manteñen as súas tradicións deportivas, aquí seguimos o modelo luso de fútbol deporte nacional, sen cabida para outros. Incluso o antiquísimo deporte da chave vaise perdendo coa desaparición das tabernas autóctonas e por motivos demográficos. Grazas a Deus a habilidade do lanzamento de pellos aínda se mantén vigoroso no país arxentino. Tamén languidece o xogo da billarda en territorio galaico, se ben persiste en terras británicas, pero con nome distinto e regras adaptadas.
Nin ás traiñeiras son deporte olímpico nin as regatas de dornas, só nos quedan as partidas de tute nos días de patrón, se é que os rapaces non prenden a playstation ou calquera outro dispositivo electrónico, xa que o deporte da colombofilia quedou relegado das páxinas de deportes en favor da Liga de baloncesto de Estados Unidos e con pouco xa haberá campionatos do deporte de choque que teñen por alá.

Outros deportes

Te puede interesar