FUSIÓNS LENTAS E MOI FRÍAS

|

Cando xa non había remedio para o complicado sistema das caixas españolas, alá polo 2009 o Goberno socialista creou o chamado FROB, fondo de reestruturación ordenada bancaria, para que entre elas se fusionasen de mellor maneira posible o co menor custo para o conxunto dos contribuíntes. Catro anos máis tarde, estamos aínda no mesmo, pero coa gravidade de que o que está en risco agora non son esas entidades, senón o propio Reino.

Todos nos acordamos o complexo, lento e de difícil entendemento para o conxunto dos galaicos da fusión das dúas caixas galegas. Unha situación que se puido resolver en tres meses durou anos e todo debido a intereses políticos e a algún localista. Até a elección da empresa auditora foi motivo de conflito parlamentario, aínda que a valoración que fixo KPMG das dúas entidades, tras cobrar un millón, non foi motivo de polémica cando valorou ás dúas caixas polo mesmo prezo. Agora sabemos que nada de iso era certo, que ningunha delas era o que dicían os libros de contas.

O gobernador do Banco de España está sendo obxecto estes días das iras na capital do Reino por bendicir a Bankia un luns e o martes proclamar aquilo de que “era sabido”, que a entidade non estaba para andar en compra e venda de accións pola Bolsa. O lado bo é que se Ordóñez pensaba iso da entidade de Rato, Castellano pode estar tranquilo no seu proxecto para Novagalicia, porque MAFO non da unha.

Tivo que haber máis celeridade nos prazos de fusións quentes, porque as frías, visto o caso de Bankia, non serviron para nada, só para crear máis gastos e demorar a saída da crise e a recuperación económica do Reino. Ninguén dubida da necesidade de que o sistema financeiro do Reino sexa estable, o que fai tirarse dos pelos é que o non acometer a reestruturación bancaria polas boas ou polas malas estea causando que agora a sanidade e a educación sexan as que pagen a desfeita.

Unha gran maioría dos países deixaron caer algúns bancos e outros tiveron que reconverterse de entidades de investimento ao negocio normal, ao de pagar recibos dos clientes, por exemplo, pero neste Reino, que sacaba peito da solidez do seu sistema financeiro, non se fixo nada, salvo algunha intervención nunha entidade de escaso peso, que tanto daba que existise como que acabase dedicada a celebra casamentos e comuñóns nas súas dependencias.

Cando Esperanza Aguirre dicía de Caja Madrid antes vendida que catalá, coas mesmas palabras que anos antes se refería a Endesa, á cal prefería que fose alemá, simplemente declaraba o que supoñían as caixas para os políticos: unha reserva de caza maior, máis próxima que Botswana, onde os consellos de administración eran máis numerosos que un macrobotellón, do que todos bebían y vivían. A ver quen era o listo que lles sacaba ese xoguete, que aínda que roto e pegado con celo non se queren desfacer del e montar un mecano máis sólido entre todos os restos. Ao final o mellor e que todas esas entidades acaben esmagadas polo peso do cemento e enterradas en solo rústico urbanizable.

FUSIÓNS LENTAS E MOI FRÍAS