Zona deprimida

Namentres o goberno bota peito dicindo que España vai ben, que xa estamos camiño da recuperación esperada, que se están creando postos de traballo –xa veremos os que se destrúen pasada a tempada de verán– situándonos unha vez máis ao nivel de parvos, parviños, eu illeime aló polas terras de Carnota na procura dun sosego que os políticos empéñanse en negarnos. E por aló tiven ocasión de pulsar opinións da xente, apreciacións que teñen que ver en como lles vai a vida nun lugar cheo de encantos no que concirne a un espazo  ateigado de currunchos marabillosos. Polo que escoitei, non é ouro todo o que reluce. Un home co que falei, empregado nun establecemento de hostalería, exemigrante, díxome que esta zona da Costa da Morte é unha zona deprimida, deixada da man das administracións e condenada a seguir nun estado de decadencia permanente. Comentoume con certa amargura que a xente de alí non pode subsistir só da paisaxe e que para que vaian xente coma min a gozar dela, moitos naturais da zona teñen que marchar cara outros lares porque non se lles ofrecen alternativas de traballo, agás subsistir dun turismo que cada vez ten menos capacidade de consumo, malia o que digan os señores do goberno. Denantes, dicíame, os turistas gastaban máis pero agora convertéronse en turistas “de casa”, é dicir: que compran o xusto na tenda e non saen aos restaurantes. No local onde falabamos estabamos só nós e mais el, o que viña a ratificar a certeza do seu discurso. Só temos, seguiu a dicir, praia e bares e un clima co que hai que contar, e se o tempo non é o axeitado a xente vaise.  Estes días o ceo estivo anubrado e incluso choveu e o ambiente era case desolador: ninguén polas rúas, por suposto tampouco nas praias nin na montaña e os establecementos de hostalería case baleiros nun agosto que máis que de verán semellaba pertencer aos albores do inverno. No eido do Viso celebraban as festas de San Mamede pasadas por auga o que engadía un pisco máis de depresión a un lugar de por si deprimido. Saín do bar cun certo desasosego, pois aquel home levaba razón: eu estaba gozando dese lugar, pero nuns días marcharía e el quedaría capeando un temporal que non tiña moito que ver cos furacáns que asolan de cando en vez aquela terra fantástica na que vive tamén xente estupenda. Se este veciño vírase de novo forzado a emigrar, a buscar sustento fora da súa terra, cando o verán pase e se quede de novo sen traballo, os señores do goberno dirán eufemisticamente que o fai pola tendencia que teñen os galegos á mobilidade e quedaranse tan tranquilos. O emprego que se crea é precario, temporal e con salarios de miseria e así non hai maneira de levantar cabeza.
Eu andei a darlle voltas ao asunto e reparei en que tal vez a solución podería estar en andar na procura dun certo equilibrio entre a industria e a ecoloxía sen que unha teña que solapar á outra, en que a beleza da paisaxe pode ser compatible con empresas sustentables e con infraestruturas capaces de facer á vida da xente máis agradable, pero axiña decateime de que unha cousa tan simple seguro que xa a tiñan matinado outros con responsabilidades no asunto pero quen sabe por que abxectas razóns non a puxeron en practica . Vostedes o saben? Seguro que si.

Zona deprimida

Te puede interesar