RÍO EUME

|

Nace na serra do Xistral a 880 metros de altitude entre uces, toxos, felgos, bidueiras e pinos. Xa dende moi novo ten que competir, segundo conta unha lenda,  con outros dous ríos por mor de ver quen acada primeiro o mar. Será por iso polo que descende lixeiro atravesando montes, barrancos e cavorcos ata chegar ao embalse da Ribeira que subministra auga á vila das Pontes de Garcia Rodríguez. Despois deste primeiro atranco, un encoro é unha ferida no río e mesmo na paisaxe, segue a súa andaina deixando atrás canóns, fervenzas, pontes e muíños ata atopar un segundo encoro, chamado do Eume, onde volve a ser amansado. A partires de aquí constitúese no eixo das fermosas fragas ás que da nome, flora e fauna autóctonas, reserva da biosfera, un tesouro que hai que conservar e manter a salvo deses descerebrados que, en nome de non sei que tolas reivindicacións, andan a prender lume no monte  Discorre agora silandeiro por diante do mosteiro de San Xoán de Caaveiro, agochado no mesmo corazón das fragas, cangado de séculos e de historia, declarado monumento histórico artístico dende o ano 1975. Pasada a colexiata entralle a presa por chegar ao seu destino e as súas augas aceléranse, bule que bule río abaixo, baixo a mirada vixiante do castelo de Andrade ata acadar á vila de Pontedeume onde desauga, conformando un amplo estuario de gran beleza, na ría de Betanzos o que foi o Portus Magnum Artabrorum dos romanos. Hai moitos anos, co bo tempo, adoitabamos pais, fillos e netos, pasar o día no fermoso paraxe da Alameda, na mesma orela do río. O xantar regulamentado, tortilla de patacas, empanada e bota de viño aínda que ás veces cociñábamos unhas paellas que ao aire libre, e co murmurio das augas como música de fondo, sabían a gloria. Na sobremesa, non podía ser doutro xeito, melindres, proias e manteigadas que tanta sona lle dan á vila dos Andrade. Xa no solpor, de volta pra casa, co corazón cheo de ledicia, entoabamos, as vellas e queridas cancións ferrolás:
“Bajan las nieblas al valle / y en melancólico son
entonando / un vals alegre /entraremos en Ferrol”. Malia ditadura, ¡aqueles si que eran tempos!

RÍO EUME