A onde imos chegar?

Amaquinaria neoliberal púxose en marcha e co entusiasmo e a prepotencia que dan as maiorías, camiña segura cara a acadar o seu obxectivo máis prezado: converter o colectivo en privado, non co gallo de mellorar os servizos públicos senón co ánimo de facer negocio. Nesto do liberalismo elevado á máxima expresión os rexedores da comunidade madrileña son os que están a poñer máis empeño na causa. Aí temos o exemplo do exconselleiro de Sanidade desta comunidade Juan Güemes, agora conselleiro da empresa Unilabs que aplicando o que agora é chamado “sistema de porta xiratoria” compra a empresa á que el mesmo adxudicou o servizo público de análises clínicos en seis hospitais desa comunidade, na busca e captura dun negocio redondo. Segundo din os que estudaron o asunto en profundidade, semella que non hai ilegalidade nesta actuación, pero non me negarán que esta manobra infrinxe as regras máis elementais da ética ademais de ser esteticamente impresentable. Todo isto acontece namentres o persoal sanitario está en pe de guerra a prol da defensa incondicional da sanidade pública, un dos piares fundamentais nos que se sustenta (sustentaba) o noso estado de benestar. Establecen as normas que unha persoa que tivese responsabilidade no goberno, sexa este autonómico ou do estado, non pode ser contratada nunha empresa que acadara beneficios dalgunha prerrogativa emanada do goberno no que participou. Si poderá facelo pasados dous anos do cese da súa actividade política. Algúns respectan esta norma pero outros, sexan do signo político que sexan, sáltanse á toureira este requisito. Busquen vostedes nas hemerotecas e atoparán exemplos dabondo. Sempre áchanse trampas para esquivar a normativa. Claro que nesto do negocio puro e duro pouco importan as normas e as maneiras. A Esperanza Aguirre saíulle un bo reposto no seu delfín Ignacio González, máis “aguirrista” que Aguirre, que agora ten ao colectivo de médicos e enfermeiros en pe de guerra. El os acusa de estar xogando coa saúde dos pacientes manifestando que esta protesta en bloque ten so connotacións económicas porque, segundo el, ao colectivo de sanitarios so lles preocupa o seu salario ( cre o ladrón que todos son da súa condición). Por outra banda o PP, o seu partido, o mesmo que rexeita a aplicación do euro por receita que González implantou na súa comunidade, di que a causa e mesmamente política. En fin, que non hai que se desfacer moito o miolo para saber por onde vai esta xentiña. O desmantelamento do público en beneficio do privado ( negocio) comeza a ser unha realidade. O Goberno está contento porque baixou a prima de risco, pero os seis millóns de parados aínda seguen aí e cada día aumentan os expedientes de regulación de emprego que inxectan máis desempregados no INEM. Moita xente está considerando en serio facer as maletas. As medidas aplicadas ata o de gora polo goberno non so non paliaron as dificultades senón todo o contrario. O FMI así o manifestou, dicindo que as medidas económicas aplicadas polo goberno non foron efectivas. Así que, de seguir así, xa podemos ir facéndonos á idea de ser paulatinamente máis pobres namentres varias ducias dos que pescan neste río revolto, serán cada día máis ricos aproveitándose desta estafa chamada crise. É a onde irremediablemente vannos levar. A cen anos atrás. Si.

 

A onde imos chegar?

Te puede interesar