Onte, 23 de abril, conmemorouse o “Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor”, asunto este segundo co que discrepo substancialmente, mais aquí e hoxe non vou dicir máis nada ó respecto. Quede só constancia de certa desconformidade.
A data foi escollida porque nese día do ano 1616 –cúmpríronse, pois, catro séculos– morreron, ademais do Inca Garcilaso, Miguel de Cervantes e William Shakespeare. Aínda que o día, por cuestión de calendarios e dalgún outro pormenor, parece que non é exactamente o mesmo para os tres casos, habería que dicir que se non è vero, è ben trovatto e, xa que logo, tremendamente adecuado para unha festa desta índole,
No Estado Español, a idea de lle dedicar un día ó libro apareceu en Barcelona por volta de 1923 e acababaría facéndose realidade institucionalizada coa celebración do primeiro Día do Libro o 7 de outubro de 1926. Catro anos máis tarde decidiuse cambiar a data para o 23 de abril, día de San Jordi, patrón de Cataluña, co costume de que as xentes que se queren se regalen libros e rosas vermellas, ritual que se foi estendendo a outros territorios e xéneros florais.
Desde 1976, tamén nesta data tan cervantina, o rei de España entrega no Parfaninfo da Universidade de Alcalá de Henares o prestixioso premio Miguel de Cervantes, concedido polo Ministerio de Cultura a proposta das Academias dos diferentes estados de lingua española.
Así, onte recibiu este prezado galardón o escritor mexicano Fernando del Paso, a quen, confeso sen rubor, que só coñezo de nome, xa que nada lle lin.
Pensando nisto das lecturas veume á cabeza unha entrevista que Fernanda Tabarés e Lois Balado lle realizaran hai meses ó presidente da Xunta don Alberto Núñez Feijoo, que estes días anda de tournée cultural-libresca por Buenos Aires e a súa Feira do Libro. Como sabía que a tiña gravada, busqueina, atopeina –foi o 13 de maio de 2015– e decidín transcribir estes quince segundos ad pedem litterae:
-E xa para rematar, El Quijote ou Cantares Gallegos?
-Je, Je... Que terá que ver elexir entre papá y mamá. O Quijote é unha peza maxistral e Cantares Galegos [sic] é a nosa peza maxistral en lingua galega.
-E leu o Quijote?
-Enteiro...? Non
Unha cousa hai que lle recoñecer ó señor presidente: que foi sincero. Penso que nesta tesitura moitísima xente tería respondido con total alegría que si, que como non ía ler, ata sete veces polo menos. Mais, en confesando que non leu a obra, non se pode entender que afirme rotunda e contundente –hai que escoitar o xeito de pronuncialo– de que El Quijote é unha peza maxistral.
Como se pode cualificar algo que non se coñece minimamente ben? Podería ten manifestado algo así como que din que é maxistral ou polo que lin intúo que é maxistral... E tampouco se entende moi ben por que non se alegra un a vida –neste caso don Alberto– con algo que lle semella maxistral ou que ten escoitado innúmeras veces que é maxistral.
É como se che dan a probar unha bebida, mollas os labios, dis que exquisita e non a acabas.