Políticos que dexeneran...

Solidariedade. Respecto.
Un sorriso de felicidade
de todos os nenos do mundo.

Ou será que sempre foron así? Cada vez que escoito a algún responsable do Goberno Central ou Autonómico dicir que melloramos, de súpeto sinto arrapíos e á mente aflóranme as palabras, provocador, cínico, mentireiro e ducias de adxetivos des-cualificativos merecidamente ben ganados.
Palabras falsas. Informacións hipotéticas nunca certas para a realidade na que vivimos a clase traballadora, cada día máis asoballada. Poida que os baróns, políticos de “ringo rango”, nos aproveiten como se fóramos os seus tontos útiles, monecreques da súa propiedade. Que non somos, nin moito meno. Nin tontos, nin da súa propiedade.
Aínda que sen dúbida estamos manexados por honorables, pícaros de profesión, algúns con moitos quinquenios ás costas.
Cando din que melloramos sempre me queda aquela dúbida que me fai bacilar: ó mellor, se cadra, quizais falen de que a eles lles vaia ben, que melloran, que todo vai sobre rodas e que teñen razón para estar motivados e contentos, e o peto cheo, e…
Pido que España expulse a esos demonios. / Que la pobreza suba hasta el gobierno. / Que sea el pueblo / el dueño de su historia. Do poema “Apología y petición” de Jaime Gil de Biedma.
Nin que dicir, que Gil de Biedna (1929-1990) foi un dos poetas máis importantes da súa xeneración, tanto pola fonda preocupación cívico-política, como pola riqueza da súa linguaxe e alto rigor intelectual.
Só engadiría a este poema outra estrofa (perdón don Jaime): “Que la riqueza sea compartida y llegue hasta la calle”.
Énchelles a boca, incluso babexan cando falan da gloriosa Reforma Laboral, da creación de novos postos de traballo a tempo parcial, 2 ou 4 horas. Condicións: “lo que el patrón diga”. Na maioría dos casos o 50% menos de soldo que antes da reforma. Seis horas traballadas e cotizadas tres. A calquera hora do día ou da noite. Poden estar fachendosos os que gobernan. Moito.
Nestas circunstancias os novos traballadores, serán pobres traballando arreo, e non poderán xubilarse (morrerán coas botas postas), ou terán que agardar aos 100 anos. Así de real e cruel.
Gloriosa Reforma Laboral para levar a clase traballadora á pobreza e á semiescravitude. Máis de 5,5 millóns de desempregados. Arredor de 2,8 millóns de persoas que non teñen máis axuda que as sociedades de beneficiencia. Centos de miles de nenos pasando moitas calamidades. Milleiros de persoas que teñen que emigrar na busca dun posto de traballo minimamente digno  a países lonxanos.
Namentres seguimos gobernados por xente que non ten, para nada, conciencia de colectividade, de comunidade, de organización social, de economía de país. Xente sen corazón humano, aínda que é de supoñer tampouco o terán de becho raro.
Seino, sabemos, non todos, nin a maioría, pero si unha minoría abundante, moi agudos e enviciados na droga da pasta gansa e que se dedican a este ilícito oficio manual das cinco unllas –non falo só de políticos– que conseguiron arruinar un país que estaba dentro dos primeiros de Europa e do Mundo non hai tanto tempo. E o que veremos!!
Non será o último pícaro o molt honorable Pujol. Como a familia Pujol-Ferrusola quedan moitas por pasar por “ventanilla”.
Madrid nos roba, dicía o artista. Non digo que non, pero vostedes non se quedaron atrás. Menudos beliscos que pillaron!! “Perdón a las personas de buena voluntad que se hayan sentido engañadas”, dixo don Jorge. Eu non señor Pujol. Nin me engañou, era evidente o seu caso xa que tanta pela non vén do Ceo, por moita recomendación que vostedes puideran ter por aló.
Xa digo, nin me engañou, nin lle perdoo ata que non arregle cantas con Facenda, con Xustiza e con tódolos españois. As outras contas, as morais, onte honorable, non nos importan.
Dicía o folósofo alemán Arthur Schopenhauer (1788-1860), que “o honor coma os fósforos, só serven para unha vez”.
Sen dúbida algunha dentro e fóra da política e da administración pública hai moitos corruptores e corruptos que se deitan de boa gana.
A Xustiza ten que actuar e defender a este país que perde o sentido e murcha. Senón, cara a onde camiñamos? Ferrol e a súa contorna é exemplo palpable da desfeita industrial e económica, pero hai milleiros ao longo e ancho deste país que foi, e que volverá ser.

 

Políticos que dexeneran...

Te puede interesar