POBRE DE SOLEMNIDADE

Aevolución de vida na terra, referido a este planeta do sistema solar, non ao solo urbanizable, é un liña continua que finalizará nuns miles de millóns de anos cando as placas tectónicas se concentren no Polo Norte. Polo menos iso é o agardado polos que saben disto. En calquera caso é unha medida temporal que se escapa da miña comprensión, máis afeito a medir en períodos de finais de mes. Algúns seres que camiñan a dúas patas e con zapatos e traxes, agás no verán que lles dá polos chinelos, viven no espazo temporal terrestre nun só ciclo económico, o da abundancia, que máis que en anos hai que medilo en tempo de Planck.

Non hai quen non escoitase proclamar do millonario que comprou una casa un día e vendeuna ao seguinte por moito máis do prezo que pagou. Descoñezo como se chama isto en termos económicos, pero o conxunto do corpo electoral sabe que isto é avaricia, mesturada con envexa veciñal. Todo un modelo social e produtivo que beneficia ao interesado que nin se preocupa da innovación, calquera sucursal bancaria xa se encargaba de establecer os derivados. Agora pensemos que se houbo esta facilidade para o cidadán, hai que preguntarse que non habería para os que dirixían o sistema.

Naquel ambiente de festa que foi a capital do Reino no era de estrañar que no calor do euro aparecesen novos ricos doutorados nos estudos de tráfico de influencias que se elevaran á categoría de universitarios durante o felipismo. Non esquezamos que os que hoxe son corruptos no cárcere estaban aprendendo nos anos oitenta as artes da riqueza rápida sen pasar pola universidade nin FP. Pero neste último tempo de riqueza virtual as augas lixadas chegaron até as altas esferas, até lugares onde non tiña sentido como a monarquía borbónica.

Dicían do ditador cubano Batista que cando se bañaba era habitual que salpicase moito, de modo que non sería o único en afogar na corrupción. Alguén debeu de botar man deste aforismo e do tempo de Planck, canto máis pronto mellor, para involucrar ao xenro do rei en supostos desvíos de capital a paraísos fiscais e en cobro de comisións. O antigo deportista debería pensar que non tiña necesidade de tales ingresos extras, porque nin el nin os seus fillos terían necesidade de acumular unha grande fortuna. Hipotecas, luz, auga e teléfono non pagan, nin sequera un traxe, posto que viven do erario. Pero o estraño concepto de Casa Real e os seus integrantes debeulle de facer pensar que o seu futuro non estaba asegurado. Así que a correr, que son dous días.

Se a semente do diñeiro fácil se plantou hai anos, agora florece por calquera terreo, aínda que nestes momentos de crise estea latente, no próximo ciclo de abundancia aflorará de novo. Non sei se seguirei sendo un pobre de solemnidade preocupado polo prezo do seguro do coche ou se farei un máster para aprender a evadir o IRPF da nómina a un paraíso tropical.

POBRE DE SOLEMNIDADE

Te puede interesar