Incomprensible

Síntome enormemente ofendido cada vez que vexo cargos políticos presidindo cerimonias relixiosas por calquera motivo. Non di esa Constitución que, para o que lles convén, tanto invocan, que este é un estado aconfesional? Xa que logo? Mais este tipo de comparecencias, por desgraza, son constantes. Obviamente, non me interesa, en absoluto, se as nosas autoridades son crentes ou practican calquera relixión. Como tampouco se lles gusta o fútbol ou son socios do Real Madrid ou do Rayo Majadahonda. Na súa vida particular poden e deben facer o que mellor lles pareza. Mais, na súa vida pública, penso que non tanto. Se ben, como dixen, sempre me molestan esas presenzas en actos relixiosos algunhas xa son o colmo. Tal así o recente funeral de Montserrat Caballé. Ninguén vai negar que a diva foi unha das mellores sopranos da historia do bel canto. Mais isto non pode agochar que, hai menos dun ano, á señora Caballé lle foi imposta unha condena –que aceptou– de seis meses de cadea e unha multa máis dun cuarto de millón por fraude fiscal. Hai que entender que os asistentes ao acto –raíña emérita, presidentes de goberno...– xustifican esas condutas ilegais e antisociais.

Incomprensible

Te puede interesar