UNHA LINGUA DE HOMENAXE

Oxoves foi o Día das Letras. Un día para homenaxear “as palabras da tribu”, como dicía Vázquez Pintor. Aquelas coas que acariñar a un meniño, dar esperanza a un doente, alonxar a desesperación aceda das frustracións ou construir amores e camiños.

Somos territorio e sentimento. Amasamos a partes iguais herencia e expectativa; pasado e futuro, tradición e innovación. E resolvemos os retos coa solvencia das sociedades que cren no seu potencial humano, no valor da súa xente e na xestión racional dos seus recursos. Pero non somos illas. Nin estamos ao 100% seguros, nin defendidos, para que a normalidade en galego sexa o aval necesario das mil primaveras máis do Poeta.

Pode que a prima de risco supere os 500 puntos básicos. Ou que os índices da Bolsa baixen a niveis do 2003. Incluso que nos venderan motos que hoxe non pasarían nin a menos esixentes das ITV. Seguro que os populares (semella o nome dun conxunto de salsa) falaron con língua de serpe bífida para acadar os seus obxectivos e despois, coma sempre, mándame unha postal se é que ainda lembras o meu enderezo electoral.

Todas esas cousas suceden, pero hoxe, podemos vivilas en galego. Non somos conscientes de que construimos cada día o tempo, as actividades económicas, as reinvindicacións políticas, as demandas, as declaración de guerra e as promesas de amor con palabras que, dende antigo, serviron para dar cohesión e identidade a unha sociedade. Un mascarón de proa de proxección do noso e un porto refuxio ao que sempre voltar: un lugar propio e único no mundo. Defendámolo.

 

UNHA LINGUA DE HOMENAXE

Te puede interesar