Un dos bulevares máis transitados do mundo, a Rambla de Barcelona, vén de ser o escenario dunha acción criminal que deixa tinguido o chan, deste paseo cargado de humanidade, co sangue de varias persoas mortas ou feridas de diversa gravidade. É froito dunha acción de terrorismo que, coa saña da máxima crueldade posíbel, busca estender o medo e temor como arma dunha inxustificábel actuación política. Os homicidas que perpetraron este asasinato colectivo, sobre persoas sen relación directa con eles, beben dun mandato que lles ordena esa actuación como parte dun plano central trazado cunha finalidade e obxectivos que só poden ser entendidos desde o fanatismo e a máis absoluta irracionalidade no comportamento persoal; ás veces multiplicado coa existencia de patoloxías que fan do terrorista un individuo predisposto á acción criminosa.
Por causa da casualidade, absolutamente fortuíta, o suceso veu coincidir coa conmemoración do Día da Galiza Mártir que, na data do aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda, lembra na figura do motor de explosión do galeguismo republicano a todas as persoas que sufriron morte, persecución ou aldraxe no proceso represivo que seguiu ao golpe militar das tropas de Franco e Mola, sublevadas en contra da lexitimidade democrática, e polo tanto ilegais e inmorais de raíz. É por iso que, sabéndose contrarios á vontade popular, desde o cuartel do alto mando da sedición impartiuse mandato de actuación para a neutralización e mesmo exterminio de todo referente que lembrase a lexitimidade democrática e, ao mesmo tempo, intentouse crear unha legalidade alternativa con bandos, decretos e tribunais militares que proxectaran terror social coa simulación de xuízos sumarísimos para sentenciar á morte a persoas previamente condenadas. É o caso de Bóveda e de moitas outras persoa, nas que se proxectou a crueldade do movemento da rebelión.
Porén, non chegou con iso. Nun plano inferior, o terror e medo, foi executado por grupos paramilitares que sementaron de cadáveres as cunetas das estradas ou as portas dos cemiterios e fixeron da atrocidade o seu modo de estender o exterminio da xente fiel á causa democrática. Fóra de todo control, chegaron á vinganza persoal, ao espolio e á pillaxe no marco dunha actuación que tivo sobranceiras persoas que destacaron na acción facciosa. É hora de que se saiba do seu crime. Velaí “Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron”, editado por Sermos Galiza. Memoria histórica necesaria.