Falou o Presidente Sánchez e foi a crónica dunhas eleccións anunciadas. E tamén a demostración palpable, de que todas as alarmas que acenderon os das tres dereitas, eran radicalmente falsas. Cousa que, por outra parte, a sociedade xa sabía.
Como a Democracia é participación, entramos nunha nova contenda electoral. Sexamos optimistas e pensemos en que é unha nova oportunidade para o debate, a confrontación de programas e a comparación de discursos. Pero tristemente, levamos anos enteiros en guerra pura e dura.
A linguaxe política, antes de fina estocada de florete e sempre lonxe do trazo groso e a linguaxe vulgar, agora está enredada nunha versión zafia, grotesca e tabernaria. Pasamos do chascarrillo ao insulto sen respecto algún a un mínimo decoro.
E para máis inri, convenientemente adobado de mentiras a sabendas de que o son. Os medios de comunicación, evidenciaron a utilización abusiva e descarada de esta estratexia. Non é só o PP, é Casado e o seu equipo asediado pola urxencia de demostrar o que valen. E para elo, sen complexos, resucitan á dereita máis rancia para frear a Vox, nunha evidente e innecesaria volta atrás que resucita pantasmas e malos modos.
Tapar unha realidade persoal negativa, con estrondos desproporcionados, é non só de mal estilo, senón unha demostración evidente, de incapacidade política. Hai unha intolerable falla de respecto ás Institucións, que choca frontalmente co abuso de himnos e bandeiras. O intento desesperado de xerar tensión, nunca foi unha boa estratexia. Sempre acabou por estouparlle na cara a quen fai un uso indebido das linguaxes de guerra.
Éncheme de ti todas as paisaxes –díxolle El– escrebe con mil linguas os versos máis sentidos... regrésame ata a casa dos mil soños feridos... sexamos xuntos mapa de secretos destinos...