Está todo aclarado?

|

Iniciaba eu o pasado día 1 un curto período de descanso nas miñas actividades laborais cando decidín armarme de valor e escoitar o discurso do presidente do Goberno no que pretendía aclarar as dúbidas que se verteron sobre el, logo de que o extesoureiro do seu partido decidira tirar un pouco máis da manta. Interesábame escoitar o que ía dicir e como podería saír do envurullo no que está metido. E a verdade é que, como sospeitaba,  aclarar, o que se di aclarar, non aclarou case nada.
Non son politólogo nin cousa que se lle asemelle; son simplemente un cidadán ao que lle preocupan certas cousas relacionadas coa marcha do meu país e coas actitudes dos que teñen responsabilidades nun goberno cuxas decisións inciden directamente sobre as nosas vidas e facendas. E unha das  cousas que me desacougan é que aqueles que se cansaron de repetir por activa e pasiva que estabamos a vivir por enriba das nosas posibilidades, ao tempo que manifestaban isto, estaban cobrando sobresoldos con diñeiro de dubidosa procedencia. Dadas as circunstancias tanto me ten que o declarasen, pois a indecencia consiste en que, namentres a maioría nos apertábamos o cinto, algúns procedían a usar tirantes. O presidente do Goberno tan so contestou cun lacónico: “si, se cobraban comisións como en todos os sitios”, ou noutros temas comprometidos cun: “non teño constancia”. Asunto resolto e a outra cousa. Tan so recoñeceu que se equivocou con Bárcenas (algo é algo) pero non dixo por que lle enviou mensaxes dándolle ánimo, dicíndolle que resistira e fose forte. Por un momento pensei: si Bárcenas ten en bancos estranxeiros unha cantidade aproximada aos cincuenta millóns de euros que foi detraendo pouco a pouco das arcas do PP,  de canto diñeiro dispuña o partido? Moitos deses cartos foron doazóns de empresarios que, digo eu, esperarían algo a cambio. Un finanzamento ilegal é a un partido político o que o doping a un deportista: o asunto consiste en obter bos resultados facendo trampa.
Con todo, a posta en escena da comparecencia foi perfecta. Unha maioría absoluta todos a unha apertando as filas e referendando con aplausos cada cita do presidente facía pensar ao espectador que aquilo estaba máis que preparado, que era mera pantomima, un trámite que había que pasar e “pelillos a la mar”.  Se un lle bota unha ollada aos xornais ao día seguinte, verá que todo é segundo a cor do cristal con que se mire: para uns o presidente dou unha lección maxistral e para outros fútil retórica e nada máis. Pero o verdadeiramente importante é o que pense a cidadanía de todo isto, e si o partido que sustenta ao Goberno vai seguir contando coa confianza dos seus votantes, coa dos non militantes. Isto está por ver.
Pese a dicir ao comezo do seu discurso que non ía a recorrer ao “ e ti máis”, fixo referencias á herdanza recibida, algo que a estas alturas soa  xa a insubstancial. Semella que aquí, mellorar o que se di mellorar, só melloraron algúns. A situación do país segue a ser crítica e a pesares do que se pretende transmitir non se intúe claridade dentro da negritude na que nos estamos a mover.

Está todo aclarado?