De rolda polo panorama cultural da cidade ensimesmada

Dentro do malpocado panorama cultural de Ferrol, hai que salientar a recente celebración na galería Sargadelos dunha interesante Mesa Redonda sobre o Dique e Arsenal civil da Cabana, un concorrido acto que tivo una vergoñenta, por escasa, repercusión nos medios da prensa escrita da cidade. Na Mesa Redonda, na que estivo ausente o Concello como ven sendo norma habitual, os representantes de dúas asociacións en defensa do Patrimonio Cultural de Ferrol (FAF e PAFERR) xunto coa Asociación Galega do Patrimonio Industrial (BUXA) deron a coñecer o valor patrimonial do dique de mareas, dos poucos que restan desta época e do que é propietario precisamente o Concello ferrolán. 
Outro acto recente de certo interese cultural foi a presentación restrinxida na Exponav dunha publicación sobre a Escola Obreira, cando se cumpren cen anos da súa fundación. Na devandita publicación, de coidada presentación, non sobra ningún dos traballos sobre os aspectos formativos, educativos, musicais e deportivos da Escola. Non obstante, bótase en falta a historia da construción e características do magnífico edificio de estilo modernista, proxectado, polo arquitecto Francisco Fiol e o enxeñeiro Eduardo Vila o ano 1916. O seu deplorable derrubo pola dirección da Empresa Nacional Bazán o ano 1976, foi un dos moitos atentados que sufriu o patrimonio industrial de Ferrol. 
Tamén cumpre sinalar que en pasadas datas o Concello de Ferrol anunciou a posible adquisición do chamado Chalé de Canido, interesante obra de Rodolfo Ucha, a metade de camiño entre o Modernismo e o Eclecticismo, que ten o valor engadido de dispor dun notable xardín de especies exóticas. Xa que no seu intre o Concello non foi quen de utilízalo como Centro Cívico do barrio, preferindo construír “exnovo” un horrible e rechamante edificio, que semella un tanatorio e continúa pechado, agora se fala de convertelo Chalé de Canido nun museo da arquitectura indiana.
O Concello está a aburrir aos cidadáns con tanto presunto proxecto de Museo: museo da Memoria Histórica, museo de Arqueoloxía da comarca, Centro de Interpretación da Cidade, Museo do Modernismo, e agora Museo da Arquitectura Indiana. O Concello ten que deixarse de lerias e levar a cabo ese Museo da Cidade que merece unha urbe como a nosa, museo que tódalas entidades culturais importantes de Ferrol, menos unha, solicitaron por escrito ao alcalde Jorge Suárez, que na súa fachenda nin tan siquer se dignou contestarlles. 
Por outra banda, nestes días estase a lembrar o centenario da fundación das Irmandades da Fala de Ferrol, feito que realmente tivo lugar o 15 de abril de 1917. Segundo informa a prensa, o Real Coro Toxos e Froles ten previsto organizar un congreso sobre o devandito tema. Desexamos que teña o mesmo éxito que tivo o Ateneo Ferrolán nos seus últimos congresos sobre os ferroláns en Cuba ou Hildegart, esperando non obstante que non cometa o mesmo erro do Ateneo de non publicar logo as  correspondentes actas.
Pola súa parte, o Concello, sempre a remolque nos temas culturais, presentou con máis voluntarismo que acerto, o roteiro “Ferrol coas Irmandades da Fala”, onde se inclúen as visitas de lugares que non semellan ter moito que ver co asunto, como a antiga redacción do periódico El Correo Gallego ou a Sala de Conversas do Casino Ferrolano, adobiado cunhas pinturas modernistas de Bello Piñeiro. O que debe facelo Concello é colocar una placa en lembranza do centenario da fundación de Irmandades da Fala de Ferrol no lugar onde tivo lugar, o antigo local da rondalla Airiños da Terra, no entón número 25 da rúa Real, hoxe número 65.
Impresións dun F.T.V. Nas voltas e reviravoltas ás que está sometido o actual Concello de Ferrol semella que a única persoa  que ata de agora está intentando facer un labor de certo interese a prol do Patrimonio Cultural, estamos a falar de Rosa Méndez, neste intre non ten claro o seu porvir dentro da Corporación municipal. Non se trata dunha boa noticia no eido da cultura. 
 

De rolda polo panorama cultural da cidade ensimesmada

Te puede interesar