NOVO CICLO POLITICO?

Co 90% escrutado, PP e PSOE andaluces acadaron un empate técnico en votos, ao fío dun 40%, malia que, por mor da distribución territorial o PP acade 50 escanos (gaña 3) e o PSOE 47, que perde 9, dos que 6 van a IU, que duplica a súa representación, a rentes dun 12%. Os votos do centro-esquerda, se incluímos nel ao PA acadan un 55% fronte a un 44% do binomio PP-UPD. O xiro á esquerda é substancial.

O PP ficou moi lonxe da maioría absoluta e non é quén de rendibilizar o grande avance acadado nas últimas municipais e xerais que daban aquela por descontada. A pesares dun PSOE que levaba 30 anos gobernando e no que abrollaban casos de corrupción tan graves como o dos ERE. Unha volta máis a corrupción non decidiu a remuda política, como tampouco a decidiu en maio pasado no País Valencià.

Gobernará a esquerda, probábelmente en coalición. Esas coalicións que son a fórmula de goberno común en case toda a Europa. E abrolla, como grande vítima colateral Javier Arenas, ao que responsabilizarán dun fracaso en grande parte motivado pola política do Goberno Rajoy nestes tres meses.

Nas eleccións asturianas tampouco houbo maiorías absolutas e si 5 partidos representados nos 45 escanos do seu Parlamento. A grande baixa da participación prexudicou á dereita que, malia todo, mantén unha maioría en escanos, que non en votos (23 sobre 45; dos que un Foro xa consolidado achega 13 e o PP 10) que lle permitirá gobernar en coalición. Unha coalición lóxica, malia ser o PSOE a opción máis votada. Cherines Fernández partillará o goberno con Cascos.

O PSOE gañou en votos e escanos (16 sobre os 15 de hai dez meses). Os outros dous escanos que perde o Foro alargan a representación de IU (sobe a 5) e á UPD. Porén, PSOE e IU manteñen unha igualdade substancial en votos co bloque Foro Asturias-PP.

 A arrancadeira > Hai outras ensinanzas destes dous procesos. Rachouse o dogma de que a abstención sempre prexudica á esquerda. Os máis votados non gobernarán. Rubalcaba aproba con notábel alto as súas primeiras eleccións despois do Congreso federal do PSOE cunha porcentaxe de votos (40% en Andalucía e 32,5% en Asturias) que volve instalalo na centralidade, malia a suba moi evidente nos dous territorios de IU.

E o Goberno do Estado, con Rajoy á fronte, recibe un moi serio aviso.

NOVO CICLO POLITICO?

Te puede interesar