DESEMPREGO E CONDICIÓNS LABORAIS

Segundo a EPA, no terceiro trimestre do ano baixou o paro. É lóxico, xa que se trata dun período, o vran, no que aumenta o turismo e o emprego estacional nos servizos (e a construción). A pregunta é: ¿manterase esta tendencia no outono e canto tempo? Segundo esta mesma enquisa, en relación coa mesma data de 2012 o desemprego aumentou en 13.100 persoas na Galiza. Porén trátase dunha cifra que non reflicte a realidade do que sucede, porque neste mesmo período hai 41.500 persoas ocupadas menos.
Un dato preocupante, xa que amosa que fundamentalmente está facendo máis pola rebaixa do paro a emigración que a recuperación da economía e dos lucros empresariais. En concreto, creáronse fóra dous de cada tres empregos. Unha emigración que atinxe de cheo á mocidade, polo que afecta a demografía, pérdense deste xeito esforzos educativos e restánselle moitos/as bos profesionais ao país. Botando tanta xente calquera reduce o paro, non é un mérito.
No marco da globalización neoliberal a taxa de desemprego non volverá ser baixa, porque as clases dominantes poden ter cando queiran un paro elevado para disciplinar a clase obreira, xa que contan cunha man de obra de reserva mundial, ou poden deslocalizar rapidamente a produción. Daquela a reivindicación non se pode cinguir exclusivamente a esixir emprego, senón que deben ter un lugar relevante as condicións laborais (xornada, salario, etc). Se non se fixesen horas extras a esgalla (que normalmente non se pagan) crearíanse milleiros de postos de traballo. Por que non se evita?
Interesados en xerar emprego estamos todos, dende os que son culpábeis de que se sacrifique, co argumento da competitividade, ate os que o perderon por mor do axuste.
Mais no primeiro caso preténdese que sexa precario, sen negociación colectiva, para obter os máximos lucros. Mentres que a clase traballadora exixe que sexa en condicións dignas. Esta é a diferenza cualitativa.
Fago esta reflexión, porque moitas veces lendo a letra gorda dos panfletos e dos cartaces, que é o que fai a maioría, semella que se pide o mesmo por parte de todos/as, xa que non se expresan axeitadamente as reivindicacións. Mágoa.

DESEMPREGO E CONDICIÓNS LABORAIS

Te puede interesar