Cooperar

|

Seica dona Pilar Rojo excedeuse o día da ofrenda ao apóstolo, cunhas consideracións sobre a non asistencia dos cargos públicos a actos relixiosos. Segundo  a súa interpretación do artigo 16 da Constitución, “o laicismo” non está contemplado na Carta Magna. Mais ese mesmo artigo garanta a liberdade ideolóxica dos individuos. Entón? Por outra banda, ese artigo establece a obriga dos poderes públicos, de cooperar coa Igrexa Católica e as demais confesións. 
Pero se os representantes dos poderes públicos son ateos, deberán renunciar á súa liberdade ideolóxica? Ou, é que os representantes deses poderes non poden ser laicos e ateos? E no aspecto de cooperar, deben cooperar en calquera momento, lugar e actos, mesmo de propaganda, cando as institucións relixiosas así o decidan? Semella que, entre as moitas cousas a cambiar na nosa Constitución, este artigo necesita un bo repaso. Claro que, quen son eu para meterme en esas profundidades? Se cadra, dona Pilar terá razón?   

Cooperar