Máis escravos dos escravos

|

Un amigo que está a ler O dereito á preguiza asinado por Paul Lafargue no San Xoán de 1880, díxome estes días: Daste de conta de que os escravos de Haití non traballavan máis de oito horas diarias? E mirámonos cunha envexa ancestral. El por envexa da minguada xornada deses escravos e eu con envexa de arrecadar esas oito horas diarias na miña colección de contratos por horas lapelados que engrosan as empresas de portas xiratorias. Cunha tristeira ledicia de que a ciencia médica aumentara as miñas expectativas de vida para ter tempo a cotizar algunha miseravel pensión non contributiva.
Remontavamonos a há mais dun século. E agora que as máquinas ían sustituir o traballo escravo para liberar aos homes para o lecer, a pescuda, o intelecto... vemos o “pago fácil” nas autoestradas concesionadas e resubvencionadas, condenando á miseria a milleiros de persoas. Vemos o tres por un con que reduce as cifras amañadas do paro. Vemos os pobres con nómina. Os traballadores tan inestaveis que tralo contrato de hora, tardan máis en se apontar á eufemística oficina de emprego do que ao desempeño de seu fugaz posto.
Na sociedade do traballo volátil xa están a tardar en lle mudar o nome de posto polo de reposto ou polo xerundio poñendo, mais fidel ao verdadeiro espírito empresarial.
Paul Lafargue xa falava de distribuir a riqueza e as horas de traballo como a única solución á sociedade suicida do despilfarro humano e planetario. El aventurava que “a clase obreira levantaráse coa sua terrivel forza, non para reclamar os dereitos do home, que non son, senón, os dereitos da explotación capitalista, non para reclamar o dereito ao traballo, que non é, senón, o dereito á miseria, senón para forxar unha lei de bronce, proibindo a todos os homes traballar máis de tres horas ao día; ...mais cómo demandar a un proletariado corrompido pola moral capitalista unha resolución civil...”
Distribuir equitativamente!. Esa é a palavra tabú tambén da meirande parte dos que se din de esquerdas. Dos sindicatos, do povo. Esa é a palavra tabú que nengún dos Catro Xenetes da Apocalipse desta repetición da campaña eleitoral reclama. Será porque há persoas que non son “físicas”? Sabemos que há persoas moi patriotas, iso si, que penduran bandeiras nos balcóns da patria, que non son físicas. Mais tampouco psíquicas. 
A penas si chegan a entidades espirituais que dan en rezar responsos ás virxes para que mellore a facenda que eles mesmos previamente encarregáronse de baleirar. Son entes, iso si, moi españois, que non pagan impostos sobre a Renda, non porque non a teñan, senón porque están exentos por relixiosidade secular ou nobreza de sangue e coroa ou bufetes de avogados das silveiras, fundacións e sociedades de marcado carácter humanitario que blanquean sen se decatar da abrasión do deterxente nin do gasto do centrifugado de divisas a paraísos fiscais. 
Eles non desgravan por dentistas nas mordidas, nen por cuota sindical, cando son síndicos do poder. Eles, as persoas espirituais moven os nosos capitais, limpos xa da nosa suor, livremente. A liberdade nas democracias capitalistas sempre atinxiron máis ás mercadorías do que ás persoas físicas. Ou ao mellor é que éstas non son máis do que mercaderías nos andeis das suas vivendas, onde, cun pouco de sorte, non fumos ainda desafiuzados.
Dizía Risco en As uvas na solaina que ser diferente é ser existente. E hoxe, que veñen de destapar a escravatura na recollida das uvas, decátome de que temos vocación de escravos. Porque se existir é ser diferente, isto é, un mesmo, a maioría de nós non quere exisitir. 
O acoso nas escolas e nos centros de traballo vén precisamente da persecución ao diferente. Deste xeito o sistema escolar e laboral resulta acosador. Porque domestica e prevén a conducta pensante, criativa e potencialmente disidente. 
Vivimos nun mundo onde xa non se precisan fiscais nin xuíces. Educan ás crianzas para autocensurarse no máis nidio síntoma de diferencia. Esa vén sendo a función social e fundamental da escola dende que o señor Marx, o sogro de Lafargue, sacou aos nenos das minas para metelos nas escolas do capitalismo.
Certamente, se o empresariado fixo esa concesión non foi por caridade cristiá nen por marketing empresarial senón porque criou a escola capitalista de éxito na domesticación das conciencias inxeis!. E aí estamos, na colosal escola dos escravos na que, tamben en xuño, asistimos a unhas eleccións!.
 

Máis escravos dos escravos