O GOBERNANTE ESPAÑOLISTA

|

Emprégase moito contra o nacionalismo, en xeral, e contra o galego, en particular, o tópico de os nacionalistas  só se preocuparen de cuestións identitarias.  Cualificativo  que, de forma errática, atribúese á lingua e á cultura galegas, por certo, fenómenos sociais e  ben materiais. Dísenos que o importante son as cousas de comer. Co tópico preténdese, máis ben, agochar unha total desconsideración co galego como lingua propia de Galiza, cuxos falantes deben ter dereitos plenos. Tamén escorrentar toda pretensión dirixida a o pobo galego existir, co corolario que desta aseveración se deriva, o da autodeterminación e a autoorganización. Naturalmente espallan o tópico devandito os españolistas na súa variada manifestación. Porén, a vida política galega demostra todos os días que son eles os que amosan unha total despreocupación polas cousas de comer. Para daren fe pública da súa ideoloxía españolista, sempre en detrimento de Galiza, do pobo galego e os seus intereses materiais, ad maioren gloriam de España e dos seus gobernos de Madrid, mesmo secundan as súas tácticas e sométense ás súas estratexias cun entusiasmo suicida. Tan suicida que, por exemplo, o Goberno galego,  no seus servilismo e na súa autonegación, por enriba de todo, ao servizo ideolóxico da patria común, España, ás súas estratexias centralizadoras, por máis que  teña graves consecuencias para o pobo galego, pode renunciar a mecanismos de financiamento que o propio Goberno central ofrece a todas as autonomías para paliar os desastres  que as limitacións e restricións do modelo vixente provocan.
Lembremos canta artillaría mediática e política se gastou contra a Generalitat de Catalunya polo feito desta recorrer, desde 2012, ao Fondo de Liquidez Autonómica, uns préstamos a xuros moi baixos postos a disposición das Comunidades Autónomas polo Ministerio de Facenda, consciente das gravísimas dificultades polas que pasaban para financiar os seus gastos sociais, afogadas entre a diminución de ingresos por mor da crise e un modelo de financiamento insuficiente para facer fronte aos gastos dos servizos básicos transferidos. A este respiro, o de poder acceder a diñeiro barato, endebedándose por debaixo do que custaría facelo no mercado, para poder exercer competencias tan vitais como a sanidade, o ensino e a dependencia,  acolléronse axiña Valencia, Illes Balears,  Andalucía, Murcia, Castilla-La Mancha, Cantabria, Canarias e recentemente Estremadura. Non foi só Cataluña. Aquí sacando peito fraudulento, o sr. Feixóo, no canto de recorrer ao Fondo para aliviar recortes en sanidade, ensino ou dependencia,  prefería dedicarse a intoxicar contra Cataluña, supostamente na bancarrota, e presumir de  contas saneadas, campión da redución do déficit, sen lle importar o deterioro do Sergas, do sistema educativo, e a anulación práctica da política de dependencia. Ao tempo recorría á banca privada para endebedarse a xuros moi superiores aos do Fondo de Liquidez Autonómica. Para decatármonos de cómo xogan os españolistas galegos coas cousas de comer en Galiza vaian uns dados ilustrativos. A distribución do Fondo de Liquidez Autonómica, con xuros practicamente 0,  para 2014, entre as Comunidades Autónomas que recorreron a facer solicitudes, foi a seguinte en millóns de euros: Andalucía 4097; Illes Balears, 1086; Canarias, 829 ; Cantabria, 102; Castilla-La Mancha, 885; Cataluña, 7920; Estremadura, 178; Murcia, 1113; Comunidade Valenciana, 605….O total das contías recibidas polas Comunidades Autónomas que recorreron ao Fondo de Liquidez é ben expresivo por si mesmo: en 2012, 16.638.219  millóns; en 2013, 22.948.510 millóns; en 2014, 23.241 millóns… Todo a xuros practicamente nulos. A Xunta de Galicia, co seu presidente á cabeza, como a Comunidade de  Madrid, preferiu pasar, e converter o recurso a unha norma e posibilidade legal nunha proba de os cataláns viviren a conta de España, a Generalitat ser un mal goberno, obsesionado coa súa ideoloxía, pero ineficaz e dilapidador. Aquí si que gozabamos dun goberno como Deus manda, eficaz, aforrador, grazas ao seu fondo espírito de españolidade. Galiza así ficou á marxe do reparto do Fondo de Liquidez, mentres buscaba recursos en menor contía no mercado bancario, pagando xuros maiores: contou con menos diñeiro e  debe pagar máis por el para paliar as deficiencias dun modelo co que o Goberno catalán sempre estivo, loxicamente, en desacordo. Hoxe Galiza está máis endebedada contando con menos recursos.
Non acaba aquí a historia, xa de por si penosa. Resulta que, á vista dos resultados, Madrid, en primeiro lugar, e a Xunta, coa boca pequena, protestaron por sentírense discriminados.  Hai que ter cara dura!!! Eles que renunciaron a solicitar nada do Fondo para seren abandeirados da españolidade.  E aínda peor, perante a resposta á súa  petición de seren compensados,  o gobernante españolista galego fica entusiasmado cos 122 millóns para 2015 ofrecidos polo Ministerio de Facenda como resultado do aforro de xuros por aprazamento da liquidación negativa –é dicir, a prol do Estado-- do sistema de financiamento dos exercicios 2008-2009. En contraste, os beneficios só polos conceptos manexados nas medidas de financiamento adicional de 2014, no caso das nove Comunidades Autónomas que participaron do Fondo de Liquidez Autonómica, son estes para 2015: Andalucía, 1014 millóns; Asturias, 103 millóns; Illes Balears, 147 millóns; Canarias, 268 millóns; Cantabria, 64 millóns; Castilla-La Mancha, 315 millóns; Cataluña, 1744 millóns; Murcia, 176 millóns; Comunitat Valenciana, 981 millóns. Posicións, actitudes e condutas como esta, con resultados parecidos, podíamos enumeralas todos os días nos gobernantes españolistas de Galiza. Quen xoga coas cousas de comer?
 A ideoloxía antinacionalista na Galiza é suicida. Tanto que comeza por negar a capacidade do pobo galego para vivir, comer, valéndose por si mesmo.  O españolista parece acreditar en que os recursos financeiros, os impostos, a actividade económica, os ingresos, se xeran en Madrid, un centro sen o cal nada seríamos. A realidade é moi outra e só a estrutura centralista do Estado provoca o espellismo. Son os organismos con sede en Madrid, a comezar pola Axencia Tributaria, os que succionan, en base a impostos, todos os recursos que se orixinan en todas as partes do Estado español. Logo o Goberno de España transfire, como graciosa concesión, unha porcentaxe para financiar os gastos sociais de maior calado por parte das Comunidades Autónomas, a Xunta, no  noso caso. España controla todos os ingresos, desde a sede madrileña, e decide  o modelo de financiamento, a todas luces inadecuado para un Estado descentralizado, e inasumíbel para pobos con conciencia política de selo. Non será que o gobernante españolista traballa con tesón para o pobo galego  non a ter xogando mesmo coas cousas de comer? Porén, a realidade e a historia indican que un pobo sen vontade de responsabilizarse de si mesmo acaba por ser burlado e desprezado, ignorado e anulado, non só na súa identidade, por certo ben material, que non persistirá, senón nos seus intereses económicos máis inmediatos. Estupenda contribución a do gobernante españolista

O GOBERNANTE ESPAÑOLISTA